Escoitar

O VIII maratón fotográfico Concello de Vigo terá como temas obrigatorios o Museo do Mar e o Casco Vello

A concelleira de Festas e Animación Sociocultural, Margarida Martíns, presentou a VIII edición do maratón fotográfico que repartirá 6.100 euros en premios.

venres, 18 xul 2003
1058526466maraton1.jpg
Programa de man
O vindeiro domingo 20 de xullo celebrarase o VIII Maratón fotográfico Concello de Vigo que nesta ocasión terá como temas obrigatorios o Museo do Mar e o Casco Vello, mentres que os dous restantes serán facilitados pola organización en cadanseu control.

Nas pasadas edicións contouse coa participación de 100 afeccionados e considérase unha actividade arraigada que obtén unha maior calidade cada ano. No maratón poderán participar todas aquelas persoas interesadas que teñan formalizado a súa inscrición na Agrupación Fotográfica Galega ata o momento ou o mesmo día do concurso no lugar de saída entre as 10:00 e 11:00 horas.

Os participantes deberán aboar a cantidade de 6 euros, en concepto de inscrición. O número máximo de participantes será de 200, seguindo a estricta orde de inscrición.

O primeiro premio do maratón está dotado con 900 euros e tamén se establecen un segundo premio de 600 euros, un terceiro de 300 e 3 accésits de 150 euros cada un deles.

Os premios concederánselle á serie fotográfica e o xurado poderá establecer algún outro premio especial se así o estimase pertinente.

En tódolos casos os premios estarán suxeitos ás retencións fiscais correspondentes segundo a normativa legal vixente.

Os participantes deberanse presentar na praza do Rei ás 11:00 horas do 20 de xullo para realizar o control de saída. Nese momento entregaráselle a cada participante un carrete de 12 fotos, o seu número de identificación e unha camiseta conmemorativa que deberán vestir durante o transcurso da maratón. Ás 11.30 horas darase saída oficial á maratón.

Tódalas fotografías deberán realizarse dentro dos límites do concello de Vigo, e o xurado valorará especialmente un tratamento dos temas persoal e orixinal.

O xurado do VIII Maratón fotográfico estará composto polos seguintes membros:

PRESIDENTA: a concelleira de Festas e Animación Sociocultural ou persoa en quen delegue.

VOCAIS: cinco persoas de recoñecido prestixio, relacionadas co mundo da fotografía, da imaxe, medios de comunicación...

SECRETARIO: un membro da Agrupación Fotográfica Galega, con voz e sen voto.

Coas fotografías seleccionadas realizarase unha exposición.
Descargar todas as imaxes