O Concello inicia unha nova fase da humanización de Martínez Garrido
A administración presidida por Abel Caballero adica un millón de euros á obra, uns traballos que se prolongarán por un prazo estimado de sete meses. Ademais, o alcalde anunciou o comezo “dentro duns poucos días” da última fase da remodelación da rúa Aragón e da construción do novo parque de Bombeiros de Esturáns o do centro municipal de servizos sociais da Praza da Princesa.
O alcalde, Abel Caballero, acompañado polos seus tenentes de alcalde, Elena Espinosa e Javier Pardo, presidiu este luns o acto simbólico de colocación da primeira pedra dunha nova fase da humanización da Martínez Garrido, a cuarta e penúltima para completar a reforma da avenida.
Segundo explicou Caballero, o Concello adica ao efecto un millón de euros e prevé uns sete meses de obras, aproximadamente. Os traballos que agora comezan, á altura da biblioteca municipal Neira Vilas, contemplan o transplante das árbores existentes e a plantación de exemplares de camelios e magnolios.
Ademais, o goberno vigués prevé estender o mesmo modelo de humanización aplicado ao resto da vía, con novas beirarrúas, verde e a renovación das redes soterradas de servizos de saneamento e abastecemento de agua. “E tan pronto acabemos esta fase”, avanzou Caballero, “iniciaremos a última en Martínez Garrido”.
Por outra banda, o alcalde adiantou que “dentro duns poucos días” comeza a sexta e última fase da humanización da rúa Aragón, cun orzamento duns 600.000 euros e seis meses de duración das obras. Unha vez rematada, o Concello terá finalizado a remodelación da rúa cun investimento duns 7,3 millóns de euros.
Non serán as únicas melloras que inicie o Concello de Vigo nestes días. Abel Caballero informou do comezo das obras do novo centro municipal de servizos sociais na Praza da Princesa e do novo parque de Bombeiros e Protección Civil, en Esturáns. A este respecto, o rexedor subliñou que trátase dunha “obra moi importante” que significará ter aos efectivos de extinción de lumes nun espazo “moderno” e “na mellor localización posible”, no entorno do estaleiro Barreras, “preto de zonas sensibles aos incendios”. O alcalde recordou que o goberno que dirixe tamén remodelou por completo o parque de Teis.