Escoitar

O rexedor traslada o seu "entusiasmo" por toda a actividade deportiva proposta para Samil este verán

O programa VigoArena, que patrocina o Concello de Vigo e conta co apoio de Coca-Cola, Gadis, Rodosa e Rofervigo, volve a Samil un ano máis. O alcalde de Vigo presentou a programación, que dende este mesmo venres e ata o domingo 31 de xullo, oferta tenis praia, volei praia e futevolei.

venres, 17 xuñ 2022
Momento da presentación do Vigoarena este venres en Alcaldía
Momento da presentación do Vigoarena este venres en Alcaldía

"É unha actividade deportiva de verán que nos entusiasma e que nos gusta moito”, sinalou Caballero, que estivo acompañado na sala de prensa de Alcaldía polo edil de Deportes, Manel Fernández, polo presidente da Federación Galega de Tenis, José Rodríguez, e por varios deportistas, ademais de por Guillermo Janeiro en representación da organización.

Ao carón do complexo deportivo municipal de Samil, na desembocadura do Lagares, instalouse a pista chamada Vigoarea, que terá máxima ocupación esta fin de semana (de venres a domingo), con 26 parellas de toda España competindo na Liga Mapfre de tenis praia. A etapa de Vigo, que pon en xogo o Gran Premio Concello de Vigo, é a cuarta proba dun calendario nacional que consta de catorce torneos, sendo o de Samil o cuarto deles.

O alcalde, que non dubidou en sinalar a praia de Samil como “a segunda mellor do mundo despois da de Rodas, nas Cíes”, felicitou aos deportistas presentes pola súa participación, en especial á grancanaria Carla Marrero, campioa do mundo sub-18 de tenis praia, no 2018, e que acudiu tamén á rolda de prensa.

Despois do tenis praia, tempo para o volei praia federado (Cidade de Vigo, días 25 de xuño e 16 de xullo) e para o volei praia amateur (días 26 e 17).

Pero ademais “a instalación queda de xeito permanente estas semanas en Samil para que os clubs de Vigo e os bañistas poidan facer uso dela”, explicou Janeiro.

De feito, está previsto un torneo de fútbol praia de árbitros (30 de xullo) e unha etapa da Liga Nacional de futevolei (9 e 10 de xullo), competicións para as que Organizia, a empresa que dirixe Verán Deportivo, cede as instalacións.

 

Descargar todas as imaxes