Abel Caballero: “Temos a satisfacción de ser a cidade máis limpa de España”
Vigo foi galardoada por oitavo ano consecutivo coa Vasoira de Platino na XVIII Edición do Concurso de Vasoiras de Plata, Ouro e Platino. Recibiu unha mención especial pola súa acción de concienciación sobre a reciclaxe nos colexios da cidade.
Abel Caballero celebrou en rolda de prensa o recoñecemento de ATEGRUS (Asociación Técnica para a Xestión de Residuos de Medioambiente) que outorgou a Vigo a oitava Vasoira de Platino consecutiva: “É un galardón bianual e temos o recoñecemento de 2008, 2010, 2012, 2014, 2016, 2018, 2021 (por mor da pandemia) e agora 2022. Todos eles desde que eu son alcalde”, manifestou ante os medios de comunicación.
Caballero quixo agradecer o “inmenso esforzo da cidade” polos recursos que adican a contratar o servizo de limpeza, aos traballadores e traballadoras da empresa e subliñou a importancia da cooperación cidadá.
Para o rexedor “a cooperación cidadá é fundamental” e lembrou ás familias que teñen cans a importancia de recoller os excrementos da rúa: “Fago un chamamento ao civismo. Non queremos comezar a sancionar. A maioría das persoas cumpre, pero hai que cooperar para seguir como a cidade máis limpa de España”, afirmou.
Vigo recibiu tamén una mención especial pola realización das campañas de concienciación nos colexios, potenciando a prevención na xeración de residuos, a reutilización e a reciclaxe.