- Benestar Social
- Xunta de Goberno Local
- Desenvolvemento Local e Emprego
- Festas e Animación Sociocultural
O goberno de Vigo asigna 1,14 millóns a 80 entidades para contratar a máis de 200 persoas
O Concello resolveu a convocatoria dirixida a asociacións sen ánimo de lucro e acordou conceder 1.140.000 euros a entes veciñais, sociais, empresariais e deportivos, entre outros, para facer fronte á contratación de 206 profesionais. O goberno vigués tamén concedeu subvencións a O Marisquiño, o Banco de Alimentos e a programas de cooperación internacional.
A Xunta de Goberno Local aprobou a concesión de 1.140.000 euros a entidades sen ánimo de lucro para o fomento do emprego. Unha vez resolta a convocatoria pública, oitenta asociacións resultaron beneficiarias dos 1.140.000 euros que o Concello entrega para subvencionar a contratación de 206 profesionais.
“Dimos axudas do Plan de Emprego a oitenta entidades”, subliñou Caballero. Segundo explicou este venres, as organizacións beneficiadas son quince veciñais e culturais, trinta e sete sociais e asistenciais, dezaoito empresariais e nove deportivas, ademais da Mancomunidade de Montes de Vigo.
“Polo tanto, 1.140.000 euros para contratar a través destas entidades de distintas características, unha xeración de emprego de 206 postos de traballo”, valorou o alcalde, quen ademais informou doutras subvencións validadas na última sesión da Xunta de Goberno Local.
Entre estas, a achega municipal a O Marisquiño, que este ano ten lugar entre o 12 e o 14 de agosto. O festival vigués de deporte e cultura urbana percibirá 600.000 euros, dos que 180.000 son destinados á súa vez desde a Deputación de Pontevedra. Ademais, detallou Caballero, o Concello coopera coa limpeza, a vixilancia policial e “sumamos un concerto que paga integramente o Concello de Vigo a modo de inicio da actividade do Marisquiño”, a dobre actuación de Woyza e Hijos de la Ruina no auditorio ao aire libre de Castrelos na noite do 11 de agosto.
“Estamos encantados”, manifestou o alcalde: “É un certame de deporte urbano que encabeza Europa e queremos que, co tempo, acabe sendo o festival de deporte urbano máis importante do mundo. Traballaremos nos seguintes anos, porque imos seguir apoiándoo”.
Cooperación internacional
O goberno de Vigo acordou asignar preto de 60.000 euros, de novo por concorrencia competitiva, a organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para distintos proxectos, para “esta función tan importante que é cooperar con proxectos para mellorar a situación de persoas en determinados países que necesitan deste apoio”, valorou Abel Caballero: “É Vigo facendo cooperación internacional”.
Seis entidades recibirán fondos municipais ao efecto. A Fundación Proclade ingresará algo máis de 10.000 euros para un proxecto de auga limpa e saneamento en Haití, tamén 10.000 euros percibe Manos Unidas para a súa iniciativa “Escolas de campo” en El Salvador, case 10.000 euros reciben tamén Aulas Abertas para comedores escolares en Perú e a asociación Malembe para o proxecto Vigo polo Congo.
O Concello tamén respalda con case 10.000 euros a Amigos da Terra para a súa iniciativa de mellora da competitividade e eficiencia produtiva dos proxectos emprendidos por mulleres en tres cooperativas de Nicaragua. A mesma contía vai ingresar Solidaridad, Educación e Desarrollo para proxectos educativos en El Salvador.
Banco de Alimentos
Por último, o goberno de Abel Caballero aprobou o texto do convenio a rubricar co Banco de Alimentos de Vigo, un acordo a catro anos a razón de 83.000 euros anuais co que o Concello colabora coa función da entidade e tamén co pago do alugueiro da súa nave na Avenida do Alcalde de Lavadores.
O Concello de Vigo xestiona un comedor no albergue municipal de Marqués de Valterra, pero ademais transfire 336.000 euros anuais ás entidades que, como o Banco de Alimentos de Vigo, atenden ás persoas que o precisan. É o caso de Vida Digna (apoiada pola administración local viguesa con 45.000 euros), Sal da Terra (10.000 euros), Comedor da Esperanza (54.750 euros), AFAN (60.000 euros), a Fundación Santa Cruz (57.060 euros), Misioneiros do Silencio (26.200 euros) e o Banco de Alimentos (83.000 euros).