Escoitar

Galiexpo Motor Show regresa ao Ifevi en setembro coa incorporación de Salco e Recalvi

O concelleiro de Deportes anunciou este mércores na rolda de prensa de presentación da feira a entrada dos dous grupos vigueses de relevancia. O evento desenvólvese do 2 ao 4 de setembro

mércores, 15 xuñ 2022

Un ano de impasse pola pandemia non impediu que regrese Galiexpo Motor Show moito máis forte. A feira do sector volve ao Instituto Feiral de Vigo do 2 ao 4 de setembro coa novidade dos acordos pechados cos grupos vigueses Salco e Recalvi.

Galiexpo, organizada por Joaquín Portabales e Ricardo Goñi, segue a ser dende 2019 a única feira do país. “Vai ser un gran éxito e, como cada ano, cando remate todo serán parabéns de público, expositores e empresas”, avanzou Manel Fernández na rolda de prensa celebrada este mércores no Concello.

Tres pavillóns ocupados (1, 2 e 3), zonas de motociclismo, caravaning, tuning, clásicos ou superdeportivos e todoterreos... o evento está en marcha “porque hai moita xente que nos estaba a preguntar se continuabamos”. E desta volta, o goberno municipal felicitou á organización pola entrada como socio e patrocinador do Grupo Salco, ademais da incorporación de Recalvi ao panel de patrocinadores que lidera o Concello de Vigo.

“Vai estar o más representativo do motor en España e queremos que sexa un evento digno de todo o que estamos a preparar”, apuntou Agustín Salinas, xerente do Grupo Salco.

“Sentimos que vai haber un antes e un despois desta edición”, engadiu Portabales, que avanzou a novidade dun “drift” (derrapaxes) que se vai unir ao tradicional “drift” de coches e a exposición dos monos dos campións do mundo de Fórmula 1.

A Galiexpo entregou, ademais, o cheque donativo á Asociación Galega de Lupus polo recadado na edición de 2020, que recolleu a súa delegada en Vigo, Rosario Vidal, e as socias voluntarias Paz Canduela e Leonor Gallego.

A feira aspira este ano a, polo menos, manter a asistencia duns 20.000 visitantes ao Ifevi.

 

 

Descargar todas as imaxes