Escoitar

O goberno municipal adica 514.000 á produción técnica dos concertos de Castrelos

O goberno de Vigo adxudicou este contrato, ao que destinará máis de medio millón de euros para dispor a parte técnica que faga posible a ducia de actuacións musicais programadas para este verán no auditorio vigués, entre eles, Sting, “o concerto máis importante que vai haber este verán en toda Galicia”, afirmou Caballero.

mércores, 15 xuñ 2022
O alcalde, este mércores en rolda de prensa.
O alcalde, este mércores en rolda de prensa.

Segundo explicou o alcalde, a sesión extraordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este martes resolveu adxudicar a produción técnica dos espectáculos do Vigo en Festas no auditorio ao aire libre de Castrelos. O Concello reserva ao efecto 514.000 euros.

O contrato quedara deserto na anterior licitación e o goberno de Vigo acordou volver a sacalo polo procedemento de urxencia, para acurtar os prazos. Os servizos técnicos contratados permitirán realizar os concertos que o Concello de Vigo ten pechados para Castrelos este mesmo verán.

Entre os artistas confirmados está Sting. O músico e cantante, líder da mítica banda The Police, chega a Vigo este verán logo de dous aprazamentos consecutivos por mor da Covid e ofrecerá na cidade “o concerto máis importante que vai haber este verán en toda Galicia, de largo, e ademais gratuíto”, en verbas de Abel Caballero.

O primeiro en subirse ao emblemático escenario vigués será Joan Manuel Serrat, o 10 de xullo. Despois actuará Sebastián Yatra o día 13, Love of Lesbian o 29 e Tanxugueiras o 30 de xullo. En agosto visitarán Castrelos Leiva o día 4, Sting o día 6, Lola Índigo o 8, Woyza e Hijos de la ruína o día 11, Hombres G o 14, Raphael o 16 e Dani Martín o 17 de agosto. A Coral Casablanca tamén actuará este verán, con data pendente de anunciar.

O alcalde recordou que o Concello, ademais de contratar directamente estes espectáculos en Castrelos, copatrocina o concerto do canadense Bryan Adams no campo de fútbol das Travesas -cun aporte económico e a cesión gratuíta do espazo- e tamén o de Muse en Balaídos, onde o Concello cede de balde o estadio municipal para a súa realización.

Descargar todas as imaxes