Caballero celebra a 4º edición da High Tech Auto "que sitúa a Vigo como polo da innovación"
A Incubadora High Tech Auto de Galicia lanza a súa cuarta convocatoria para captar proxectos de emprendedores. O período para presentar candidaturas ao programa estará aberto desde o 14 de xuño ata o 21 de setembro de 2022.
A sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu o acto de lanzamento da cuarta edición da incubadora de alta tecnoloxía High Tech Auto, coa asistencia do delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero; o vicepresidente e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde; así como o presidente da Fundación Ceaga, Roberto Cavallo; e a directora de Proxectos Feder da Fundación Incyde, Natalia Vázquez. Tamén expuxeron a súa experiencia dous proxectos incubados en edicións anteriores: Navia 3D e Siscar- Connect.
O alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero, explicou que esta incubadora "sitúa a Vigo como polo de innovación no sector da automoción" e subliñou que "Vigo destaca polo seu carácter emprendedor e tamén pola formación na súa Universidade", recoñecendo tamén o traballo da institución académica neste ámbito.
David Regades destacou que “en Zona Franca temos moita experiencia e coñecemento, porque levamos unha década poñendo en marcha incubadoras e aceleradoras con datos que falan por si sós: 1.350 proxectos acelerados e uns 1.500 empregos creados”. O delegado do Estado sinalou que “España é o segundo fabricante de automóbiles e o 25% fabrícanse en Vigo. Queremos ser protagonistas no automóbil do futuro e por iso envorcámonos en iniciativas como a HTA”.
A incubadora abriu hoxe as portas dos seus programas e servizos a estudantes, emprendedores, spin- outs, spin- offs e/ou start- ups, nacionais e internacionais, que teñan un proxecto no sector de automoción e loxística.
O período de convocatoria está aberto desde o 14 de xuño ata o 21 de setembro de 2022, aceptándose só as inscricións realizadas mediante o formulario en liña dispoñible na súa web oficial www.htauto.gal . Tras o período de convocatoria, seleccionaranse os dez proxectos que formarán parte da cuarta edición da High Tech Auto.