Os ucraínos refuxiados reciben sesións de adaptación á vida en Vigo
A Casa da Xuventude acolle as clases e obradoiros, realizados en colaboración con ACCEM, para a adaptación das persoas acollidas ao Plan de Protección Internacional do Goberno de España.
O Concello de Vigo en colaboración ACCEM está a desenvolver sesións informativas de adaptación ás persoas refuxiadas procedentes de Ucraína. As persoas que están no Plan de Protección Internacional do Goberno de España, agora mesmo en Vigo son 84 persoas, están a facer os obradoiros e clases co obxectivo de adaptarse a súa nova vida na cidade e chegar a ser autónomos.
O alcalde deu conta en rolda de prensa que o goberno local cedeu a Casa da Xuventude para desenvolver as formacións, que se realizan cada 15 días a grupos dunhas 20 persoas e estarán vixentes “o tempo necesario”.
Entre as charlas, Caballero destacou que están a recibir clases de historia de Vigo e España, puntos de interese e organismo, tramitación na administración pública, busca de emprego e vivenda, actividades de ocio, entre outras.
Axudas de Emerxencia
O rexedor deu conta da resolución da Comisión de Axudas de Emerxencia. Desde o comezo da pandemia o 69% do total foron para vivenda. Esta semana 44 das 84 axudas foron para o alugueiro, o resto para o pago de subministro e alimentación. Achegáronse aos solicitantes 18.496,96 euros.
Desde que comezou a pandemia o Concello concedeu 18.059 axudas a 51.742 beneficiarios cun importe de 2.867.971,44 euros.