O Concello garante o “coidado” arqueolóxico ante os novos restos atopados en Carral
O achado podería corresponderse coa base da antiga muralla da cidade, segundo explicou Caballero este mércores, quen avanzou que os arqueólogos municipais e autonómicos analizarán os vestixios e ditaminarán como proceder. “Para nós, os xacementos arqueolóxicos son un ben de primeira magnitude, están por diante de todo”, subliñou Caballero.

As obras de peonalización da Porta do Sol continúan desenterrando pezas do pasado da cidade. Desta volta, os restos descubertos na rúa Carral, baixo o acceso do antigo aparcamento soterrado, “poderían corresponderse coa base da muralla da cidade”, segundo avanzou este mércores Abel Caballero en rolda de prensa.
O primeiro edil vigués explicou que, tan pronto apareceron, os arqueólogos dirixiron o proceso que pretende agora determinar o seu grao de conservación e en que medida afecta á obra. Caballero recordou que, antes do comezo dos traballos na Porta do Sol, se realizaron ata tres intervencións arqueolóxicas, de acordo cos técnicos, nas que non se atopou nada.
A execución das obras fixo aflorar vestixios nas partes alta e baixa da praza e agora tamén na unión con Carral, o que “pon de releve que estamos a facer toda a escavación con coidado extremo”, en verbas de Caballero, quen asegurou que no Concello “somos os primeiros interesados no patrimonio arqueolóxico de Vigo”.
A partir de agora os arqueólogos dirán como proceder para analizar os novos restos atopados, o seu estado de conservación e “a forma na que continuará a obra”, indicou Caballero. Farase a escavación arqueolóxica e “seguiremos todo o que digan os arqueólogos”, sinalou: “Para nós, os xacementos arqueolóxicos son un ben de primeira magnitude, están por diante de todo”.