A Carreira Praia de Samil Fe Seguros enche o areal de atletas e libros o vindeiro 17 de maio
O alcalde presentou este xoves en rolda de prensa a Carreira Praia de Samil Fe Seguros-II Memorial Alfonso Varela que se celebra o Día das Letras Galegas en Samil, cun percorrido íntegro pola area, para tódalas idades e con festa final para toda a familia.
Abel Caballero destacou que o evento conta cun elemento distintivo, que é o feito de que se execute “integramente na area e para tódalas idades, cun número singularmente importante de inscritos”, xa que nestes momentos está pechada a participación ao acadar as 900 persoas inscritas. E vaticinou a marea baixa, para que sexa posible, e o a boa meteoroloxía na xornada do próximo martes 17 de maio.
Na rolda de prensa participou Modesto Comesaña, presidente do Club de Atletismo Veteranos de Samil que agradeceu o apoio do Concello, tanto na parte loxística como coa achega de medallas para poder entregar a tódalas nenas e nenos participantes e un libro en galego: “Bicos e non balas” de Antonio García Teijeiro. Explicou que a carreira ten a vontade de converterse “nunha tradición na cidade” e explicou que se trata dunha carreira popular, para todas as idades con varias categorías e distancias: absoluta: 8 km; Xurelos (12 e 13 anos) e Sardiñas (14 e 15 anos) e Discamino: 2.200 metros; Fanecas (9-11 anos): 1 km, Chinchos (6-8 anos): 400 metros e Xoubiñas (0-5 anos): 100 metros.
Ademais, Ricardo Dapena, director xeral de FE Seguros, expuxo o apoio da empres a esta carreira que promove o deporte e a vida saudable e que se desenvolve nunha contorna privilexiada. Avanzou a celebración dunha Festa da Familia, ao remate da carreira, con obradoiros de manualidades, castelos inchables, música en directo e foodtrucks con comida e bebida.