O Concello eleva os máximos de renda para ampliar os beneficiarios das axudas de comedor escolar
O goberno local aprobou este xoves as bases das axudas municipais de comedor, libros e material escolar para o próximo curso. Con respecto á anterior convocatoria, Vigo amplía un 2,5% o tope de ingresos familiares para optar ás mesmas, manifestou Caballero. O alcalde cifrou en dous millóns a asignación para bolsas de comedor, libros e material escolar.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde este xoves ás bases e á convocatoria para a concesión destas axudas municipais no próximo curso escolar, destinadas a alumnado de segundo ciclo de Infantil, Primaria e Secundaria dos colexios públicos e concertados da cidade.
Segundo informou o alcalde en rolda de prensa, o goberno de Vigo validou ao efecto ata 1.465.000 euros. Coma o ano pasado, a convocatoria recolle unha partida inicial de 1.145.000 para comedor e 135.000 máis para libros e material escolar, contías ampliables en 185.000 euros en caso de ser preciso. Ademais, o Concello achega 606.000 euros a FOANPAS tamén para os comedores escolares, co que o total acadaría os 2.071.000 euros.
Este programa resólvese por concorrencia competitiva e en base a criterios de renda económica. Caballero explicou que este ano o Concello decidiu elevar nun 2,5% os topes máximos de ingresos das familias beneficiarias, co obxectivo de poder chegar a un maior número de persoas.
Como é habitual, as bases sairán publicadas no BOP e na web do Concello e despois se anunciará a convocatoria e o prazo de presentación de solicitudes, que se prolongará durante vinte días hábiles desde o día seguinte á publicación no BOP do extracto da convocatoria. Caballero comunicou que, para a xestión do programa, o Concello de Vigo prevé contratar a un auxiliar administrativo durante un ano e a outros catro máis durante nove meses.
O importe da axuda de comedor escolar ascende a 41 euros mensuais, mentres que o apoio para os libros e o material é dun único pago de cen euros. O alcalde censurou que non sexa o goberno autonómico quen asuma esta iniciativa: “As bolsas de comedor son unha obriga estatutaria da Xunta de Galicia, ten que pagalas a Xunta de Galicia”.
No presente curso escolar, o Concello de Vigo ten outorgadas máis de 4.500 bolsas ás familias: 3.051 axudas para o comedor e outras 1.606 máis, para libros e material.