O Eduardo Pondal estrea pista polideportiva remodelada polo Concello de Vigo
O alcalde e o concelleiro de Educación visitaron este xoves o colexio para inaugurar o novo espazo, reformado polo goberno vigués cun orzamento próximo aos 24.000 euros. Abel Caballero puxo en valor os 6,2 millóns que o Concello dedica á atención educativa.
Xunto a Gorka Gómez, edil de Educación, o alcalde de Vigo achegouse este xoves ata o CEIP Eduardo Pondal, onde o alumnado preparou actividades deportivas e de baile para o acto simbólico de inauguración da nova pista polideportiva. Para a mesma, que se atopaba “en moi mal estado, moi deteriorada”, o Concello de Vigo destinou case 24.000 euros, segundo informou Caballero.
En declaracións posteriores, o alcalde subliñou que aquel espazo foi transformado nunha “magnífica pista” e que tanto o profesorado como as e os estudantes quedaron “moi satisfeitos”. Caballero recordou que o centro recibiu o galardón de Vigués Distinguido “polos cincuenta anos de magnífica docencia”.
Esta obra no colexio “forma parte da nosa actuación desde o Concello na educación de Vigo, e específicamente nos colexios públicos, aos que dedicamos 6,32 millóns de euros en servizos de atención”, afirmou Caballero en rolda de prensa.