Escoitar

A Xunta de Goberno aproba o proxecto da rampla mecánica de acceso ao centro de saúde de Teis

O proxecto humanizará a rúa Ángela Iglesias Rebollar de xeito integral. O importe previsto na actuación é de 1.308.106 euros. O período de construción é de 6 meses polo que, segundo manifestou o alcalde, “estará rematada o ano que vén”.

xoves, 5 mai 2022

O acceso ao centro de saúde de Teis terá unha rampla mecánica de 50 metros de lonxitude. A Xunta de Goberno aprobou o proxecto valorado en 1.308.106 euros para a instalación deste novo elemento do Vigo Vertical na rúa Ángela Iglesias Rebollar, cun prazo de execución de seis meses. “Estará rematada o ano que vén”, asegurou Abel Caballero.

O alcalde deu conta deste asunto en rolda de prensa e cualificou a actuación como “unha da maior importancia”: “É unha zona onde acude xente enferma e moitas veces maiores que poden ter problemas de mobilidade. A pendente é imposible de subir camiñando, por iso facemos unha mellora da accesibilidade de todo o entorno do centro de saúde de Teis”.

Deste xeito, a incorporación da rampla mecánica no acceso ao centro de saúde vén acompañada da humanización da rúa: “A rampla estará cuberta cos pórticos metálicos, haberá xardíns de aproximadamente metro e medio a ambos lados, renovaremos a rede de saneamento e fecais, canalización do alumeado e faremos una estatua en honor a Ángela Iglesias Rebollar”, afirmou Caballero.

Ademais o concello reordenará o tráfico na zona coa instalación dun semáforo no cruce da rúa Ángela Iglesias Rebollar coa Avenida Galicia, frente ao número 106.

Infografía da rampla mecánica de acceso ao centro de saúde de Teis
Descargar todas as imaxes