Escoitar

Vigo recibe ao Cristo da Guía, que será instalado na ermida a próxima semana

Construída pola Escola provincial de canteiros e cedida pola Deputación, a escultura de seis metros de alto e seis toneladas de peso chegou este xoves a Vigo en seis pezas, que serán ensambladas sobre a torre da ermida da Guía entre o luns e o mércores da próxima semana. Abel Caballero salientou que se completa así o proxecto arquitectónico de Gómez Román para a capela, que data de 1951.

xoves, 5 mai 2022
Carmela Silva, Abel Caballero e Luis Quintero, este xoves.
Carmela Silva, Abel Caballero e Luis Quintero, este xoves.

Unha nave sita na Avenida da Marina Española custodia ata o próximo luns as seis partes da obra, que vén de chegar a Vigo logo da súa construción pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra. Á súa recepción asistiron o alcalde, Abel Caballero, a presidenta provincial, Carmela Silva, e bispo da diocese Tui-Vigo, Luis Quintero Fiuza.

Explicou Caballero que o deseño da escultura responde aos planos orixinais da ermida, erixida en 1951 seguindo o deseño arquitectónico de Gómez Román. Entón, a capela quedou sen acabar, a falta do Cristo que coroara a torre. Coa instalación da figura de seis metros de alto e seis toneladas de peso, acordada en convenio a tres bandas polo Concello, a Deputación e a diocese, “imos culminar un proxecto arquitectónico de referencia extraordinariamente importante de Gómez Román”, valorou Caballero.

A montaxe do cristo sobre a ermida comezará o luns ás 18 horas e finalizará o mércores ao mediodía, segundo a planificación municipal. A instalación ten un custo de 84.000 euros, financiados entre o Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, segundo informou o alcalde.

Descargar todas as imaxes