O Concello traslada ao Celta o “apoio total” á celebración dos actos do seu centenario
O alcalde informou este mércores en rolda de prensa da reunión mantida con Maruxa Magdalena e Gael García, responsables da área de márketing do Real Club Celta de Vigo para abordar a cooperación municipal na conmemoración do centenario do Club.
No encontro “cordial” celebrado na mañá deste mércores no Concello participaron Jerónimo Centrón, enxeñeiro municipal, e Óscar Couce, da área de Fomento, que lle transmitiron “o noso apoio total ao centenario do Celta”, tanto nos actos que se desenvolvan no Estadio municipal de Balaídos como no conxunto da cidade, explicou Caballero.
“Estamos dispostos á cooperación financeira co centenario e co que o Celta organice para esa cita” sinalou o alcalde, que tamén explicou que o goberno municipal propuxo que o Real Club Celta comunique por escrito cada petición concreta do que queren facer en Balaídos e na cidade “e a resposta será que si a cada cuestión”. Engadiu tamén que a contestación que hoxe se lles trasladou de xeito oral, daráselle por escrito ao club nos próximos días.