Escoitar

O TSXG blinda a protección da Panificadora e o Concello buscará novas vías para a súa aprobación

O Concello recorrerá en casación a sentenza do TSXG que cuestionou o instrumento urbanístico utilizado para a aprobación do plan especial do ámbito da Panificadora. Caballero subliñou que o recurso foi presentado por unha parte dos propietarios, aqueles vinculados ao que considerou un "pelotazo" e aos que advertiu de que "non van poder coa cidade".

xoves, 7 abr 2022

O alcalde deu conta esta mañá da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza que anula a modificación puntual do plan especial do Casco Vello no ámbito da Panificadora ao cuestionar a vía utilizada para súa aprobación. A resolución atendeu o recurso dunha parte dos propietarios que sempre pretenderon derrubar este enclave industrial para construír torres residenciais neste espazo. O Concello mantén “serias discrepancias” con esta sentenza porque “creemos que a forma elixida foi a correcta polo que recorreremos en casación ao Tribunal Supremo” , dixo Caballero, ao tempo que avanzou que este ámbito tamén se incorporará na revisión do Plan Xeran actualmente en tramitación.

En todo caso, puntualizou, hai unha primeira consecuencia positiva neste contexto dado que a sentenza xa blinda algo fundamental: non se derruba ningún edificio, tal e como determinaba o proxecto, "porque a sentenza non entra non fondo senón só na forma".

Na súa comparecencia,  o alcalde tamén subliñou que o recurso foi interposto por parte dos propietarios, daqueles que están no “pelotazo” urbanístico amparándose nun pacto entre os grupos do PP e do BNG que lles abriron a porta a construír edificios de oito alturas, unha edificabilidade que o actual goberno local non recoñece porque quere conservar a Panificadora na súa dimensión histórica. Caballero reiterou a vontade municipal de conservar e rehabilitar a Panificadora e recuperala para a cidadanía. “Seguiremos loitando contra os especuladores, non van poder coa cidade”, aseverou.

 

Descargar todas as imaxes