Escoitar

Lola Índigo, o 8 de agosto, sexta confirmación dos concertos de Castrelos

O alcalde desvelou este xoves unha nova actuación para o Vigo en Festas deste verán, a artista Lola Índigo, que chegará ao emblemático auditorio de Castrelos o 8 de agosto. O Concello suma xa seis datas: Sebastián Yatra, Tanxugueiras, Leiva, Sting, Lola Índigo e Hombres G.

xoves, 7 abr 2022
Imaxe promocional da actuación de Lola Índigo no auditorio de Castrelos.
Imaxe promocional da actuación de Lola Índigo no auditorio de Castrelos.

Abel Caballero continua debullando o cartel estival para o auditorio ao aire libre de Castrelos. Lola Índigo é a última incorporación anunciada, para o luns 8 de agosto.

Con Lola Índigo, o Concello fixo oficial xa media ducia de concertos en Castrelos. Ata o momento, están confirmadas as actuacións de Sebastián Yatra (o 13 de xullo), Tanxugueiras (o 30 de xullo), Leiva (o 4 de agosto), Sting (o 6 de agosto), Lola Índigo (o 8 de agosto) e Hombres G (o 14 de agosto).

En rolda de prensa, Abel Caballero puxo en valor que este programa está “pagado todo polo Concello”, mentres que “a Xunta de Galicia non paga nin un céntimo dos concertos de Castrelos” e pola contra “en O Son do Camiño en Santiago si que paga, aí si que paga, pero en Vigo non, en Castrelos non”.

Lola Índigo

O proxecto Lola Indigo foi a máis grata sorpresa musical dos últimos anos: sen case facer ruído, irrompeu no panorama cunha serie de temas que romperon todos os récords.

O seu primeiro álbum, “Akelarre”, foi número un en vendas en físico, dixital e en streaming e a artista acumula máis de 6 millóns de oíntes mensuais en Spotify. Agora co seu novo disco “La niña”, co que tamén alcanzou o número 1 en vendas, Lola Indigo acumula certificacións de ouro e platino, como “La niña de la escuela”, o seu single xunto a Tini e Belinda, co que xa alcanzou os vinte millóns de reproducións en Spotify.

Lola Indigo é das poucas artistas que pode presumir de máis de dez certificacións oficiais nas súas cancións: “Ya no quiero na”, triplo disco de platino; “Mujer Bruja”, dobre disco de platino; “Maldición”, disco de platino; “Me quedo”, disco de platino; “Lola Bunny”, disco de platino; “4 Besos”, disco de platino; “Como te va”, disco de ouro; “High remix", triplo platino (Arxentina); “La tirita”, disco de platino; e “La niña de la escuela”, tripla disco de platino.

O que comezou como un proxecto baseado practicamente en España, foi crecendo exponencialmente de forma internacional e a súa música xa a escoitan de forma sólida en países como México, Estados Unidos, Chile, Arxentina, Colombia, Perú, Guatemala...

Descargar todas as imaxes