O alcalde visita no Reina Sofía a obra Trasmundo de Laxeiro
A exposición "Vasos comunicantes" do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía inclúe a obra do pintor, cedida temporalmente polo Concello e a Fundación Laxeiro. Trasmundo (1946) pode visitarse na sala 425 do edificio Sabatini.
Abel Caballero achegouse este luns á mostra que cualificou como "certamente excepcional; ocupa un lugar preferencial na exposición central do Reina Sofía". Na visita estivo acompañado pola edil de Urbanismo, María José Caride, o director do MARCO, Miguel Fernández Cid e o director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Manuel Borja-Villel, podendo apreciar o cadro Trasmundo, que acompaña a obra audiovisual do artista granadino José Val del Omar (1904-1982), titulada Acariño Galaico (De barro) (1961-1995), que rodou en Galicia co propósito de integrala, xunto a Aguaespejo granadino (1953-55) e Fuego en Castilla (1956-59), na súa triloxía titulada Tríptico Elemental de España.
Ademais de Trasmundo (1946), completan a sala dúas obras do escultor ourensán Arturo Baltar (1924-2017), Nenos cantando Nadal (1960), e Entroido (1990) e dúas fotografías, unha de Enrique Reza (1932-2013) e outra de Anric Massó (1930-2015), unha dás moitas que realizou durante a rodaxe de Val do Omar, ademais de numerosos documentos, algúns deles inéditos.
O alcalde de Vigo sinalou que o Concello ampliou o prazo de empréstito da obra ao Museo Reina Sofía, xa que está "tendo un éxito excepcional; está visitándoo moita xente e queremos seguir levando a Laxeiro a tantos lugares do mundo. Seguiremos facendo do ano de Laxeiro un motivo para divulgar, difundir e permitir que se admire a pintura do mellor pintor de Galicia e un dos mellores da historia de España".
Trasmundo
Con Trasmundo Laxeiro pecha a súa etapa granítica, recreando un retablo de personaxes que sintetiza todo o seu imaxinario en forma de pórtico que invita a entrar no trasmundo, atravesando unha porta central.
A obra está composta a partir dunha liña horizontal central que divide o mundo do coñecido -plasmado na parte inferior mediante unha figuración granítica idealizada- do mundo do descoñecido, na parte superior, na que o trazo se se fai máis solto e confuso, achegándose ao expresionismo co que experimentará nos anos cincuenta.
Cun cromatismo tenebrista, herdeiro do Goya das Pinturas Negras, Jesús Corredoyra e Gutiérrez Solana, este retablo do trasmundo é tamén unha homenaxe ao románico galego e ao pensamento máxico medieval polo que Laxeiro se sentía fascinado, como contrapunto ao mundo da razón que gobernaría o pensamento europeo a partir da modernidade. A obra é tamén unha celebración do mundo telúrico, no que o pintor combina elementos da cultura popular con elementos das vangardas.
O préstamo xestouse durante unha visita á Fundación Laxeiro da Directora da Área de Coleccións do Reina Sofía e comisaria da exposición, Rosario Peiró quen, unha vez visitada a Colección permanente, quedou fascinada pola obra de Laxeiro.