O alcalde salienta a “grandiosidade pictórica” da mostra “Laxeiro Inédito I”
A Casa das Artes acolle desde este venres e ata o 5 de xuño unha escolma de 13 pezas do artista correspondentes á súa primeira etapa creativa, entre os anos trinta e principios dos anos cincuenta, con obras descoñecidas ata agora para o gran público.
Abel Caballero puxo en valor o traballo de recuperación da obra do artista que realiza a Fundación Laxeiro que inicia a celebración do Ano Laxeiro con esta mostra titulada “Laxeiro Inédito I. Obras inéditas da primeira época””.
“A grandiosidade pictórica desta exposición reafirma a grandiosidade de Laxeiro como pintor universal, un dos grandes pintores que houbo en Europa”, sinalou o rexedor, que avogou pola necesidade de que o artista ocupe o lugar “que lle corresponde a un artista que aguanta a comparación cos máis importantes artistas da arte contemporánea do século XX”. Así, convidou a toda a cidade a visitar a mostra permanente de Laxeiro e estas novas obras “que ocuparán espazos singulares no novo catálogo” do artista.
Na presentación da mostra, celebrada este venres na Casa das Artes estiveron presentes Javier Pérez Buján, o comisario da mesma; Carlos García-Suárez Otero, director xeral e Secretario Xeral da Fundación Laxeiro; Abel Losada, membro do padroado e concelleiro de Cultura.
Javier Buján explicou que a mostra abrangue obras “moi escollidas” na que quedan patentes as preocupacións estéticas de Laxeiro dos anos 30 e 40 e as súas preocupacións argumentais; foi “un pintor do factor humano, nas súas obras sempre hai personaxes cunha historia que contar”.
A exposición aberta na Casa das Artes serve tamén para facer visible o traballo de catalogación e localización de obra de Laxeiro, que continúa logo da publicación do catálogo no ano 2009 e para amosar que Laxeiro ten moitas facetas e obras por descubrir, en palabras de Buján.