Escoitar

A FEMP urxe ás cidades un listado de recursos de acollida para os refuxiados ucraínos

Nun escrito remitido a todas as entidades locais de España polo presidente e alcalde, a Federación solicita que indiquen os espazos dispoñibles para aloxar aos desprazados de Ucrania e propón canalizar as doazóns a través das organizacións humanitarias que traballan no país. En Vigo, o Concello está a elaborar un listado cos ofrecementos dos particulares que chaman ao 010.

venres, 4 mar 2022
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa no Salón de Plenos do Concello.
Abel Caballero, este venres en rolda de prensa no Salón de Plenos do Concello.

A “terrible e intolerable invasión rusa en Ucrania”, manifestou Caballero este venres, “está producindo a desolación dun país, está rompendo familias e segando vidas. A acción de Putin ocupando Ucrania merece a condena de todo o mundo”. Neste sentido, engadiu que “o noso papel ten que ser mostrar a solidariedade e apoio a Ucrania e a todos os refuxiados”.

No tocante á cidade, o alcalde declarou que “en Vigo se está desenvolvendo unha inmensa ola de solidariedade”, con oferta de axudas que se reciben a través do número 010. Así, o Concello está a elaborar un listado de todas as persoas que ofrecen cooperación e acollida e serán contactadas no momento en que o Goberno de España asigne o número de refuxiados para a cidade. E “unha vez aquí”, subliñou o alcalde, “teremos que proporcionarlles aloxamento, condicións, apoio social, tradutores, escolarizar aos nenos e nenas”, etcétera. “Estou orgullosísimo da solidariedade que está ofrecendo a cidade de Vigo”, concluíu.

No ámbito estatal, “eu, como presidente da FEMP e como alcalde de Vigo, estou en contacto permanente co Goberno de España para canalizar todo o apoio a través de Europa, Goberno de España e concellos”. As cidades se coordinarán co Goberno de España, que á súa vez faino a través da Comisión Europea.

Abel Caballero remitiu un escrito a todas as entidades locais de España para solicitarlles un listado cos aloxamentos e recursos de acollida dispoñibles, co obxectivo de que a axuda humanitaria sexa “eficiente, eficaz e urxente”.

Ademais, en contacto coa Secretaría de Estado de Cooperación Internacional, a Federación recomenda ás urbes que as doazóns económicas se dirixan ás ONG presentes na zona, en particular á Coordinadora Española de Organizacións para o Desenvolvemento, Cruz Vermella Internacional, OCHA (Oficina de Coordinación para Asuntos Humanitarios de Nacións Unidas) e ACNUR (Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados).

Descargar todas as imaxes