Escoitar

Vigo autoriza a conversión en supermercado dunha antiga área industrial entre Portanet e Pereiró

O Concello concede licenza para reformar dúas naves entre o Camiño dos Oriños e a Travesía do Alcalde Portanet. A promotora investirá dous millóns para transformalas en supermercado e aparcamento, actuación que virá acompañada dunha mellora deste entorno, segundo explicou o alcalde este venres.

venres, 4 mar 2022
O alcalde, este venres, mostrando un plano do ámbito afectado polo permiso municipal.
O alcalde, este venres, mostrando un plano do ámbito afectado polo permiso municipal.

En rolda de prensa, Abel Caballero informou do permiso que se outorga a Vegalsa para reformar a nave principal, de máis de 10.300 metros cadrados de superficie, e convertela nun supermercado, con almacén, instalacións e oficinas. A segunda, de 4.100 metros cadrados, pasará a contar dúas alturas adicadas en exclusiva para estacionamento de vehículos.

O alcalde puxo o énfase na “melloría do entorno” que suporá esta actuación. A licenza inclúe que a promotora elimine o peche perimetral da parcela no Camiño dos Oriños e a Travesía Alcalde Portanet, a construción dunha senda peonil e delimitar a parcela con pivotes para mellorar a accesibilidade de peóns e vehículos.

Esta antiga área industrial está “absolutamente abandonada e se volveu absolutamente marxinal”, manifestou Caballero. O permiso municipal para erixir un aparcamento e un supermercado, engadiu, “vai significar a rexeneración de toda a zona entre a Avenida de Castrelos e Alcalde Portanet”.

“Esta licenza significa recuperar unha zona absolutamente marxinal e ruinosa da cidade de Vigo, ao lado de dúas zonas tan importantes como a Avenida de Castrelos e Alcalde Portanet”, explicou Caballero, quen valorou unha decisión que, por un lado, dará servizos á cidadanía e reformará o entorno.

O alcalde, este venres, mostrando un plano do ámbito afectado polo permiso municipal.
Descargar todas as imaxes