Escoitar

A Reconquista volve o 19 de marzo como a gran “romaría urbana” de Vigo

A festa regresa á cidade logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia. O alcalde e a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo deron a coñecer este xoves o cartel da edición deste 2022, realizado por Evaristo Pereira, e avanzaron algúns dos actos destacados.

xoves, 3 mar 2022
Cartel da festa deste ano
Cartel da festa deste ano

“É unha romaría urbana, unha forma de entender as romarías tradicionais de Galicia nunha cidade de 300.000 habitantes, a máis importante seguramente de toda España, cunha inmensa participación”, apuntou o alcalde, que felicitou á asociación porque “unha vez máis estades á altura das circunstancias e levar adiante a recuperación da Reconquista é o máis desexado”.

Na rolda de prensa estiveron presentes, Pepe Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo; Evaristo Pereira, autor do cartel e colaborador da festa; Xerardo Feijóo, responsable da Reconquistiña; José Manuel Veiga, membro da asociación e Alberto Seijo. Fumega agradeceu ao Concello e ao alcalde o apoio e financiamento da festa como promotor principal amosando o “orgullo” da entidade “por poder organizar esta festa tan arraigada na cidadanía”, unha festa que recrea os acontecementos históricos de 1809, e trasladou o desexo de que sexa declarada Festa de Interese Internacional, dado que xa conta nestes momentos co título de Festa de Interese Turístico Nacional.

Abel Caballero referiuse ao “excepcional” cartel creado por Evaristo Pereira, que “transmite o carácter da cidade: a forza, rebeldía, capacidade de confrontar contra os que nos agrediron naquela invasión intolerable que durou dous días porque a cidade rebelouse contra as forzas de Napoleón”.

O programa iníciase o sábado 19 de marzo, recuperando, en palabras do alcalde, a idea de comezar unha semana antes a festa, coa toma da cidade coa representación da destitución do alcalde e un concerto para iniciar a celebración.

A fin de semana do 25, 26 e 27 de marzo desenvólvese o groso do programa da Festa da Reconquista: o venres inaugúrase o Mercado Tradicional e haberá unha actuación musical, o sábado celébranse demostracións de artesanía e actuacións musicais e o domingo haberá concertos e representación da expulsión dos franceses da cidade.

O luns 28 de marzo, no que a cidade conmemora o levantamento en contra das tropas de Napoleón e a liberación de Vigo, o Concello celebra o acto institucional na Praza da Independencia e tamén será a entrega dos premios do concurso de Retapas.

Ademais, a Reconquista 2022 ten algunhas outras datas destacadas: este venres, día 4, ás 13:00 horas, preséntase o Certame de Retapas e o xoves, 24 marzo, celébrase a Reconquistiña, a festa dos máis pequenos.

 

Cartel da festa deste ano
Momento da presentación realizada no Concello
Descargar todas as imaxes