O goberno de Vigo amplía en 2,9 millóns as partidas para a Panificadora e o paseo do Lagares
A Xunta de Goberno Local deste xoves aprobará inicialmente unha modificación de crédito da Xerencia de Urbanismo por valor de 2.885.000 euros, dos que 1,5 millóns se adicarán á expropiacións da Praza da Igrexa e do entorno da Panificadora, e outro millón, a estender a senda fluvial ata Manuel Álvarez.
Abel Caballero avanzou este mércores dous puntos que pasarán pola Xunta de Goberno Local deste xoves, un destes, unha modificación orzamentaria nas contas da Xerencia municipal de Urbanismo por importe de 2.885.000 euros que se destinan fundamentalmente a dúas actuacións: Panificadora e paseo do Lagares.
Da contía total, segundo explicou o alcalde, un millón e medio de euros pasará a engrosar a partida para afrontar o custo das expropiacións, tanto da Praza da Igrexa (para rexenerar os inmobles fronte á Concatedral de Vigo) como do entorno da Panificadora, que se prevé rehabilitar en convenio coa Zona Franca de Vigo.
Por outra banda, a proposta do goberno de Vigo inclúe outra partida económica de 985.000 euros para executar a ampliación do paseo fluvial do Lagares, entre a Avenida de Madrid e a rúa Manuel Álvarez. Outros 400.000 euros se reservarán para outros proxectos, obras e investimentos urbanísticos.
“Polo tanto, seguimos no contexto das inversións masivas na cidade como non está a facer ningunha cidade de España”, enxalzou Caballero en rolda de prensa.
AFAN
Por outra banda, o alcalde tamén informou do convenio con AFAN, a Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, que percibirá 240.000 euros do Concello de Vigo para a súa actividade durante os próximos catro anos. “O traballo de AFAN é extraordinario”, valorou Caballero, “unha entidade sen ánimo de lucro que facilita medios necesarios para tanta xente, fundamentalmente alimentación, pero tamén roupa”, entre outras.