Escoitar

O Concello tramita as expropiacións para que a Panificadora estea rehabilitada en catro anos

O goberno de Vigo iniciou o expediente para aprobar o convenio coa Zona Franca. Ambas entidades levarán adiante a recuperación para o público deste emblema arquitectónico industrial e do seu entorno, accións que deberían estar finalizadas nuns catro anos, segundo manifestou este venres Abel Caballero.

venres, 25 feb 2022
En imaxe de arquivo, o alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Urbanismo, María José Caride, durante a presentación do proxecto gañador do concurso arquitectónico promovido polo Concello.
En imaxe de arquivo, o alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Urbanismo, María José Caride, durante a presentación do proxecto gañador do concurso arquitectónico promovido polo Concello.

O goberno local pasará polo Consello da Xerencia de Urbanismo da próxima semana a incoación do expediente do convenio entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca de Vigo para desenvolver o ámbito da Panificadora. Anunciouno este venres Abel Caballero, quen valorou o acordo: “O Concello de Vigo e a Zona Franca continuamos no avance conxunto da ocupación da Panificadora para poñela á disposición de todos os cidadáns de Vigo”.

Ambas institucións rubricarán un compromiso para protexer un edificio característico da arquitectura industrial da cidade que se atopa en estado de abandono desde hai décadas, co obxectivo de rehabilitalo e dotalo de usos públicos. Concello e Consorcio contemplan ademais crear novos espazos para mellorar a conexión da Praza do Rei coa rúa Santiago e o Casco Vello.

Explicou Caballero que o ámbito se divide en dúas áreas. A primeira abrangue unha superficie de case 2.500 metros cadrados e inclúe o solo comprendido entre a rúa Santiago e a Praza do Rei. Aquí, todo o terreo afectado se cualifica como espazos libres e zonas verdes de uso e dominio público e o Concello de Vigo asume integramente o seu desenvolvemento, incluíndo as expropiacións.

A segunda é a zona que incorpora todas as edificacións vinculadas á Panificadora e tamén os números 26 e 28 da rúa Santiago. Neste caso a superficie supera lixeiramente os 7.000 metros cadrados e involucra tanto ao Concello como á Zona Franca. A administración local completará o trámite das expropiacións, dos proxectos de urbanización e concederá os permisos e licenzas pertinentes, mentres que o Consorcio abonará o custo da obtención do solo e será o beneficiario do mesmo. Amais, a entidade estatal asumirá a redacción e execución dos proxectos de urbanización e rehabilitación e tamén a execución e financiamento de todas as obras.

O Concello de Vigo xa está avanzando na tramitación das expropiacións e, unha vez finalizado este proceso, comezará “a urbanización, rehabilitación e posta en servizo desta área dotacional”, indicou o alcalde. No tocante aos prazos previstos, o convenio a rubricar por Concello a Zona Franca presenta un prazo máximo de vixencia de catro anos, “polo tanto en catro anos ten que estar todo isto acabado”.

Descargar todas as imaxes