Escoitar

O goberno de Vigo investirá 2,7 millóns de euros na humanización da rúa Teixugueiras

A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves o proxecto de humanización do tramo comprendido entre a rúa Lamelas e o acceso peonil ao barrio de Navia desde a VG-20.

xoves, 24 feb 2022

O alcalde explicou que se trata dunha “humanización no máis alto estándar de Vigo”, que se executará nun prazo de nove meses desde o inicio dos traballos e na que se investirán 2.710.000 euros.

A superficie de actuación, entre a rúa Lamelas e o acceso peonil a Navia desde a VG-20, comprende medio quilómetro de lonxitude nos que se renovarán os colectores de saneamento, serán soterradas as canalizacións das redes de iluminación pública e semaforización, instalarase nova xardinería e rede de rego, nova instalación de farois de iluminación pública, nova rede de semaforización, renovación da sinalización vertical, papeleiras e bancos e instalaranse esculturas como elementos decorativos.

Axudas de emerxencia

Abel Caballero deu conta tamén do outorgamento de 244 axudas de emerxencia por un importe superior aos 42.000 euros na última comisión celebrada polo goberno municipal. O 65% destas axudas, máis de 27.000 euros foron para o pago de alugueiros e aloxamentos. “Estamos cubrindo a ausencia de vivenda de protección oficial da Xunta de Galicia, pagando alugueiros a tantas persoas para que non sexa desafiuzadas”, sinalou.

Descargar todas as imaxes