Vigo demanda á Xunta elevar o seu orzamento cultural para a cidade
O Pleno acordou pedir que o goberno autonómico incremente os recursos para as infraestruturas e axentes culturais da cidade, para acadar un nivel similar ao resto das urbes galegas e reflectindo o peso demográfico e socioeconómico vigués. A moción, presentada polo grupo do goberno de Vigo, foi apoiada por todos os concelleiros e concelleiras, coa excepción dos edís do Partido Popular.

O concelleiro de Cultura, Abel Losada, defendeu a proposta, que saíu adiante co apoio de todos os grupos salvo polo rexeitamento dos representantes do Partido Popular. O acordo insta á Xunta “a incrementar os orzamentos autonómicos para as infraestruturas e os axentes culturais da cidade de Vigo”.
Ao efecto, a Corporación solicita do goberno autonómico que se teña en conta algunhas variables. En primeiro lugar, a moción fala de “acadar un nivel similar ao do resto das cidades de Galicia” na contía total e, en segundo, “reflectir o peso demográfico e socioeconómico da cidade e da súa área urbana no reparto dos fondos en tódolos ámbitos da creación e a promoción cultural”.
O texto, na súa exposición de motivos, censura a “adopción dunha estratexia única, a promoción do Xacobeo, que esquece a diversidade do país e as súas importantes diferencias entre os territorios”, o que conduce a “evidentes discriminacións”. A modo de exemplo, se cita as achegas ás redes museísticas ou o apoio á música clásica e popular. “A imposición do Xacobeo como elemento cerne da programación cultural de toda Galicia non deixa de ser unha decisión claramente discriminatoria e que esquece e condena ao ostracismo unha boa parte da cultura galega”, asegura.

