Escoitar

O barco de Coia loce dous lazos negros para lembrar aos falecidos e desaparecidos do Villa de Pitanxo

O Concello habilita un espazo na Avenida de Castelao para que as persoas que queiran poidan depositar flores, mensaxes e transmitir o seu cariño ás familias dos desaparecidos e falecidos no naufraxio.

martes, 22 feb 2022

O alcalde informou este martes da colocación de dous lazos negro no barco de Alfageme en Coia en sinal de loito polos falecidos e desaparecidos no naufraxio do buque Villa de Pitanxo en augas de Terranova.

“O barco de Coia é o barco da homenaxe ás xentes do mar e queremos que estea o noso homenaxe, o noso cariño, o noso afecto á memoria dos falecidos e desaparecidos no naufraxio e, por tanto, o sentimento da cidade”, explicou Caballero.

Amais, apuntou que algunhas persoas se puxeron en contacto do goberno municipal para depositar flores nese espazo, polo que o Concello decidiu habilitar unha parte da beirarrúa da Avenida de Castelao, un espazo que estará sinalado, dado que “a rotonda entraña un risco de tráfico importante”. Así, na beirarrúa máis próxima ao barco de Coia as persoas que o desexen poderán depositar as súas flores, mensaxes e transmitir o seu cariño aos falecidos, desaparecidos e ás súas familias.

Descargar todas as imaxes