Escoitar

O goberno municipal inviste 2 millóns de euros na rede de abastecemento e saneamento da cidade

A Xunta de Goberno Local deu conta da tramitación da renovación do abastecemento en Rosal Florido e a súa contorna en Sampaio así como a mellora da EDAR de Bouzas, dous proxectos que suman dous millóns de euros de orzamento.

luns, 21 feb 2022
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O alcalde puxo en valor este investimento do seu goberno para mellorar a calidade do servizo de saneamento e abastecemento da cidade.

As obras de renovación do abastecemento na rúa Rosal Florido e a súa contorna en Sampaio, enmarcada no Plan de investimentos do Concello ten un orzamento superior ao millón de euros e un prazo de execución de sete meses. “Hai unhas redes de abastecemento desastrosas”, explicou o rexedor, que serán substituídas por novas tubaxes de diámetro superior que permitirán “máis presión e capacidade de abastecemento de auga potable”. Amais, o proxecto contempla un sistema de rede reticulada onde a auga pode chegar no momento da demanda a través de varios circuítos de xeito que se hai unha avaría nun sitio concreto a auga chega por outras vías, o que supón “unha mellora singular do servizo”.

A mellora da rede de abastecemento en Rosal Florido inclúe as rúas da contorna: Casal, Codo, Escalinata, Camiño Langarangana, Calexón, Camiño Carballeira, Subida a Igrexa e outras.

No tocante ás obras de mellora da estación de bombeo de augas residuais de Bouzas”, teñen un importe de 716.000 euros e un prazo de execución de 3 meses para unha “estación moi vella á que lle toca a renovación”, xa que data de 1996 e nestes momento é “calamitosa”, en palabras do alcalde, dado o tempo transcorrido desde a súa construción. Así, serán renovados os equipos mecánicos, a caldeirería e mellorarase o pozo de bombeo. Ademais, dotarase das instalacións necesarias para evitar as avarías e evitar que os alivios se realicen cara a ría, “teñen que ser todos para a depuradora”, polo que “estamos dedicando estes 700.000 euros a seguir coidando da ría de Vigo”.

Descargar todas as imaxes