As rúas Julia Minguillón e Vista Alegre locen unha “humanización excepcional”
O alcalde asistiu este mércores á apertura das dúas rúas nas que o goberno municipal investiu máis dun millón de euros para mellorar a iluminación, dotar de zonas verdes, renovar pavimentos e redes de servizos que se atopaban moi deterioradas.

“Unha humanización excepcional” destacou o rexedor ao comprobar o cambio experimentado nestas rúas e na súa contorna, logo dunhas obras de humanización cuxo orzamento superou o millón de euros de investimento.
“Estaban moi deterioradas”, explicou Abel Caballero. As tubaxes e o cableado eléctrico eran “catastróficos” e a rúa Vista Alegre presentaba unha sección estreita sen beirarrúas nin iluminación e con aparcamento sen ordenar “absolutamente intolerable”.
A actuación do Concello supuxo a renovación das redes de servizos, abastecemento, saneamento e augas pluviais, a instalación dunha nova rede de iluminación pública, con 22 farois en Vista Alegre e 24 farois en Julia Minguillón, o soterramento da rede eléctrica e de telecomunicacións, unha nova rede semafórica e de rega. Ademais, o pavimento foi completamente renovado en superficie e instalouse nova sinalización horizontal e vertical, plantáronse novas árbores, xardineiras e colocáronse oito bancos.
Tal e como explicou o alcalde, na rúa Vista Alegre retirouse o muro existente e deuse continuidade ao parque María Xosé Queizán que tamén se está actualizando. Amais, o goberno municipal instalou tres paneis expositivos de aceiro inoxidable con reproducións de cadros da pintora lucense Julia Minguillón: Escola de Doloriñas, O soño da pintora e Nenos na escola.



