Escoitar

O Concello abriu a rúa Rosal logo da súa humanización

O alcalde asistiu este martes á inauguración da rúa, remodelada cun orzamento de 385.000 euros. A obra incluíu 700 metros de novas canalizacións soterradas, alumeado público, xardineiras e beirarrúas de granito, e supuxo a ordenación do estacionamento do final da rúa, para facilitar o paso seguro de vehículos e peóns.

martes, 1 mar 2022
Abel Caballero, no centro da imaxe, xunto a Javier Pardo e a Nuria Rodríguez.
Abel Caballero, no centro da imaxe, xunto a Javier Pardo e a Nuria Rodríguez.

A rúa Rosal, xusto ás costas do campo de fútbol federativo de Coia, non ten saída e finaliza nunha zona de aparcamento que vén de ser adecuada coa humanización. Trátase dun viario con moito tránsito de persoas e vehículos, tanto polos residentes como polo recinto deportivo e o supermercado alí emprazado, o economato de Citroën.

O Concello acometeu nos últimos meses a súa humanización, cun orzamento de 385.000 euros. Este martes, o alcalde, Abel Caballero, descubriu a placa conmemorativa da actuación xunto ao tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, Javier Pardo, e a edil de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez.

“Foi unha obra moi importante”, en verbas de Caballero, que supuxo a renovación de setecentos metros de redes de servizos soterradas: augas pluviais, saneamento, abastecemento e telecomunicacións. As antigas canalizacións “estaban nun estado terriblemente malo”.

O goberno de Vigo renovou tamén as beirarrúas, agora adaptadas á normativa de accesibilidade, e ordenou as zonas de aparcamento de vehículos, incluída a do final da rúa, cun acabado de formigón impreso similar aos do entorno.

Ademais, os traballos executados ao longo dos últimos meses significaron o cambio da rede de alumeado público e a disposición de dez novos puntos de luz e catro máis de reforzo nos pasos de peóns. O Concello tamén renovou toda a sinalización horizontal e vertical, instalou novas papeleiras, xardineiras e rede de rego.

“Había xente alí que nos felicitou, porque aquelo estaba nun estado absolutamente lamentable e catastrófico”, valorou o alcalde: “Esta é a cidade que herdamos e pasaron ducias de anos sen que ningún alcalde ou alcaldesa fixera nada en toda a zona de Coia. En todas as zonas de Vigo, debo dicir”.

Abel Caballero, no centro da imaxe, xunto a Javier Pardo e a Nuria Rodríguez.
Descargar todas as imaxes