Escoitar

Leiva subirase ao escenario de Castrelos o 4 de agosto

O alcalde continúa desvelando o cartel deste verán no emblemático auditorio vigués. Logo de confirmar o concerto de Sting o día 6 de agosto, este luns anunciou a actuación de Leiva, que presentará en directo “Cuando te muerdes el labio”, o seu novo traballo de estudo.

luns, 28 feb 2022
José Miguel Conejo Torres, "Leiva", actuará o xoves 4 de agosto en Castrelos.
José Miguel Conejo Torres, "Leiva", actuará o xoves 4 de agosto en Castrelos.

Tras dous anos sen eventos en Castrelos pola irrupción do Covid, o Concello prepara un verán de 2022 con artistas nacionais e internacionais sobre o histórico escenario vigués. Á actuación xa coñecida de Sting, o alcalde engadiu este luns outro nome: Leiva.

Vigo formará parte da xira que levará ao artista madrileño polas principais urbes do país -e con paradas confirmadas tamén en México- para presentar o seu novo disco, “Cuando te muerdes el labio”. Castrelos agarda ao antigo compoñente de Pereza o xoves 4 de agosto, dous días antes da actuación de Sting no mesmo lugar. Son, ata o momento, as dúas citas reveladas polo alcalde, quen advertiu: “Mañá continuaremos cos anuncios dos concertos”.

Leiva acaba de conseguir o disco de ouro co seu novo traballo e esgotou o papel no dobre concerto do Wizink Centre de Madrid. “Cuando te muerdes el labio” é o seu quinto disco de estudo e encabezou a lista de vendas de álbums de España, englobando tanto as reproducións en “streaming” como as unidades vendidas dos formatos físicos. Ademais, na súa primeira semana de publicación, tamén logrou situarse no primeiro posto da lista de vendas de formato vinilo.

Aos seus 41 anos, e cunha carreira musical de máis de 22, Leiva compuxo a letra e música de todas as súas obras. Foi produtor de moitas das súas gravacións e destaca con esta faceta en discos tan aclamados como “Lo niego todo” de Joaquín Sabina, ou 11 do arxentino Abel Pintos.

Entre discos de estudo, directos e recompilacións, editou máis de 17 discos ata a data, ademais de innumerables colaboracións con artistas moi diversos de toda Latinoamérica. Dos seus nove álbums de estudo publicados, a maior parte chegaron a número 1 en lista de vendas en España, e os seus proxectos discográficos máis recentes lideraron as listas de álbums con máis “streaming” no noso país, mesmo tras un ano de publicalos.

Acumula máis de 120.000 discos vendidos, superando os 720 millóns de reproducións das súas cancións en plataformas dixitais. Conta cun total de 2 Discos Triplo Platino, 2 Discos Dobre Platino e 4 Discos de Platino, e acumula certificacións polas súas exitosas cancións. Foi 8 veces nomeado aos Grammy latinos en diferentes categorías, e no ano 2018 alzouse co Premio Goya á Mellor Canción Orixinal por “La llamada” (canción que xa é cuádruplo disco de Platino polas súas reproducións).

Descargar todas as imaxes