Escoitar

Vigo solicita á Xunta tres millóns para as pistas de Balaídos, pero garante a súa reforma

“O Concello vai facelo si ou si”, asegurou o alcalde este luns, mais o goberno vigués considera o recinto “supramunicipal” ao ser empregado por atletas de toda a área. A proposta municipal pasa polo cofinanciamento, abonando a Xunta tres millóns e o Concello, os 4,7 millóns restantes. “Imos facer unha instalación en consonancia coas mellores pistas ao aire libre de España”, valorou.

luns, 28 feb 2022
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.

Vigo propón á Xunta de Galicia cooperar no financiamento da remodelación e modernización integral da pistas de atletismo de Balaídos, mais, de rexeitar o goberno autonómico a proposta municipal, o Concello garante a actuación.

O goberno de Vigo prevé construír unha nova edificación integrando un módulo cuberto, vestiarios, almacéns, áreas técnicas de competición, bancada cuberta, torre de cronometraxe con instalacións técnicas e un novo alumeado. Ademais, o proxecto inclúe a reforma integral da pista coa instalación dun novo pavimento deportivo e equipamento de competición, xunto á humanización do entorno do complexo.

“É unha gran obra dunha enorme ambición”, revelou Caballero, que presenta un orzamento de 7.678.000 euros e busca converter a Balaídos “nunha instalación extraordinariamente boa, en consonancia coas mellores pistas ao aire libre de España, e con módulo cuberto”.

Para levalo adiante, o goberno de Vigo vén de remitir un escrito e unha proposta de convenio á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia propoñendo financialo entre ambas institucións. O Concello é titular dun espazo empregado por atletas da cidade e doutros lugares de Galicia, polo que o seu uso é “supramunicipal”. Así, o texto recolle que a Xunta abonae tres millóns, mentres que a cidade sufragaría os case 4,4 millóns restantes. En todo caso, a administración presidida por Caballero asegura a súa execución, “si ou si”, con independencia da resposta autonómica.

“Só lle pedimos tres millóns á Xunta de Galicia e agardo a contestación”, afirmou o alcalde: “Non queremos fotos sen o diñeiro. Primeiro o diñeiro e despois as fotos”. De todas formas, Caballero insistiu en que “xa estamos neste momento co conxunto das pistas de atletismo de Vigo”, que serán remodeladas cun orzamento de case 7,7 millóns.

Descargar todas as imaxes