Escoitar

A Corporación demanda recursos axeitados para o fortalecemento da Atención Primaria na área sanitaria Vigo

O pleno aprobou este mércores dúas mocións relacionadas coa atención sanitaria nos centros de saúde da área sanitaria viguesa: unha do grupo socialista e outra do concelleiro non adscrito, que saíron adiante co voto en contra do PP.

mércores, 26 xan 2022
Momento da votación do Pleno extraordinario
Momento da votación do Pleno extraordinario

A moción do grupo socialista insta á Xunta de Galicia a garantir os recursos humanos e medios técnicos para o axeitado funcionamento da Atención Primaria que “neste momento descansa sobre o esforzo dos traballadores actuais moi por enriba das súas obrigas”. Carlos López Font, voceiro socialista, pediu tamén ao goberno autonómico que asuma a responsabilidade política, cos cesamentos que correspondan, por poñer en grave risco a saúdo dos pacientes dos 14 centros de saúde da Área de Vigo que tiñan citas programadas e aqueles que estaban pendentes de solicitala ao dar a orde de que se atendesen exclusivamente os pacientes Covid e as urxencias.

A moción do concelleiro non adscrito insta á Xunta de Galicia a non volver aplicar restricións na atención sanitaria nos centros de saúde, a cambiar o actual modelo fracasado de Atención Primaria por un baseado en equipos multidisciplinares de profesionais, en número suficiente e con estabilidade laboral para poder atender en condicións as demandas da poboación adoptando, entre outras, medidas como incrementar o orzamento sanitario a nivel galego, atinxindo o 25% do orzamento total da Xunta de Galicia ou “rematar coa política de precariedade e explotación na contratación”. Amais, a moción que defendeu Xabier Pérez Igrexas demanda ao goberno autonómico a aprobación de medidas que garantan a presenza e estabilidade de profesionais nas prazas de difícil cobertura.

Descargar todas as imaxes