Escoitar

Abel Caballero: “Todos os concellos de España van ter oficinas municipais de Xustiza, con independencia da súa poboación”

O alcalde e presidente da FEMP, tras a reunión mantida coa ministra de Xustiza este mércores, explicou que “se trata dunha ampliación das prestacións dos servizos e das formas de atender aos cidadáns”. Pilar Llop subliñou a importancia dos concellos na implantación do novo modelo organizativo. "A nova lei preserva o desenvolvemento xudicial de Vigo, abandonando para sempre a teoría dos gobernos do PP de eliminar os xulgados nas non capitais de provincia. Vigo é unha singularidade porque ten un partido xudicial moi importante e seguirá avanzando con normalidade dentro da nova lei", dixo Caballero en clave local.

mércores, 26 xan 2022
Abel Caballero e Pilar Llop, este mércores na sede do Ministerio en Madrid.
Abel Caballero e Pilar Llop, este mércores na sede do Ministerio en Madrid.

O alcalde de Vigo e presidente da FEMP, Abel Caballero, sinalou na mañá deste mércores que todos os concellos, con independencia da súa poboación, van ter oficinas municipais de Xustiza. Así o destacou tras a reunión mantida coa ministra Pilar Llop, na que se abordaron os contidos relacionados co ámbito territorial no marco do Plan Xustiza 2030. Pilar Llop e Abel Caballero dialogaron sobre a importancia dos concellos de España na implantación do novo modelo organizativo que contempla este proxecto, con tres figuras fundamentais: as oficinas de Xustiza nos municipios, os tribunais de instancia e as oficinas xudiciais. Segundo a ministra, estes tres elementos “crean proximidade, dinamización, aproveitamento de recursos e, en definitiva, un beneficio para toda a cidadanía no servizo público de Xustiza”.

O alcalde interpretouno tamén en clave local e puxo o énfase sobre o mantemento da estrutura viguesa: "A nova lei preserva o desenvolvemento xudicial de Vigo, abandonando para sempre a teoría dos gobernos do PP de eliminar os xulgados nas non capitais de provincia. Vigo é unha singularidade porque ten un partido xudicial moi importante e seguirá avanzando con normalidade dentro da nova lei".

Segundo explicou o presidente da FEMP, estas oficinas virán substituír aos 7.000 xulgados de paz que hai en España, “unha institución con moita tradición, pero superada xa pola propia realidade, os feitos e a tecnoloxía”, dixo. No novo modelo contémplase “unha nova forma de dar servizos desde a administración de xustiza aos cidadáns de todos os concellos”. “Nos concellos grandes están os xulgados no sentido tradicional e despois, naqueles máis pequenos que teñen un xulgado de paz, cámbiase o concepto e pásase a oficinas municipais de Xustiza”. Trátase, dixo Caballero, dunha ampliación das prestacións dos servizos e das formas de atender aos cidadáns nos 7000 municipios de menos poboación.

As oficinas estarán dotadas con medios técnicos e telemáticos para o seguimento da acción da xustiza. Haberá tamén persoal técnico do Ministerio “que estará alí e dará cita aos cidadáns para podelos atender”. A modo de exemplo, explicou que poderán levar a cabo xuízos telemáticos, “no que as persoas dun pequeno municipio poden ser atendidos por un xuíz no xulgado de instancia que corresponda. “O Ministerio dispón de recursos para levar adiante o investimento. Por tanto, teremos oficinas municipais de Xustiza en todos os Concellos atendidos de forma singular ou de forma agrupada, dependendo do tamaño do Concello”, asegurou.

Neste marco, desde a FEMP levará adiante un proceso de divulgación para informar a todos os concellos de menos poboación que teñen xulgados de paz, e tamén ás Deputacións.

Abel Caballero e Pilar Llop, este mércores na sede do Ministerio en Madrid.
Descargar todas as imaxes