Escoitar

O Concello adapta o imposto da plusvalía á nova lei estatal

A Corporación validou este mércores de forma inicial a modificación da ordenanza. O Concello axústaa ao novo decreto lei aprobado en España logo dunha sentenza do Tribunal Constitucional que invalidou a fórmula de cálculo da anterior norma. O edil de Facenda, Jaime Aneiros, explicou que o imposto non se cobrará “de non haber capacidade económica” e só se abonará de existir beneficio na compravenda.

mércores, 26 xan 2022
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, este mércores no Salón de Plenos do Concello.
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, este mércores no Salón de Plenos do Concello.

A votación saldouse co respaldo do grupo de goberno e da Marea, a abstención do edil nacionalista e o rexeitamento dos catro concelleiros do Partido Popular. Unha vez aprobada a modificación normativa de forma inicial, esta será exposta públicamente para a presentación de alegacións e volverá ao Pleno para debate e eventual ratificación definitiva.

Na súa intervención inicial, Aneiros explicou que a decisión municipal busca “dotar de seguridade xurídica” aos cidadáns, que non pagarán polo tributo de non existir un beneficio na operación. O concelleiro engadiu que o cambio incorpora ademais “novos tipos aplicables á plusvalía que exista” e contextualizou a proposta de adaptación ao que están a facer as cento corenta e nove urbes españolas con máis de cincuenta mil habitantes: “Todas teñen este imposto”.

No debate, o edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, manifestou que non se opón á modificación porque a cidade “precisa dun marco normativo claro que dea seguridade xurídica”, mais “temos diferencias sobre o tipo impositivo”. A este respecto, propuxo en xeral uns impostos “máis xustos e maior progresividade na recadación”. O voceiro de Marea, Rubén Pérez Correa, viu “correcto” o cambio proposto e avogou por abrir conversas ao longo deste ano para abordar a reforma da Lei de facendas locais, de tal forma que as autonomías transfiran fondos aos concellos, que están a asumir cada vez máis competencias.

O Partido Popular manifestouse “en contra do imposto de plusvalía”. O seu voceiro, Alfonso Marnotes, xustificouno no “desequilibrio enorme entre o que recada e o que gasta” o Concello, na aplicación do “máximo dos coeficientes que fixa a lei” e porque en Vigo está a subir o prezo da vivenda por “moitos factores, e este imposto non axuda”.

Todos os grupos políticos rexeitaron a posición fiscal do Partido Popular, argumentando a necesidade de dotar de fondos aos entes locais. Na súa quenda de peche, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, recordou que Abel Caballero leva “anos traballando na reforma do financiamento local” á fronte da FEMP e indicou que os case cento cincuenta concellos españois de máis de cincuenta mil habitantes “teñen os cinco impostos municipais”, con independencia da cor política do goberno local. “En Madrid ou en Málaga prescindiron da plusvalía? Non está cara alí a vivenda?”, cuestionou Aneiros.

Pago a provedores

O Pleno tamén tomou coñecemento do informe trimestral de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos de pago no último trimestre do ano 2021. Segundo afirmou Aneiros, neste período tramitáronse máis de 2.200 pagos por importe de 51,7 millóns, que se elevan aos 61,8 millóns se se inclúen os realizados nos primeiros días de xaneiro con cargo ao orzamento do pasado ano. E en decembro, o Concello pagou en oito días de media aos seus provedores, unha vez constatado o cumprimento do contratado.

O concelleiro contrastou o dato vigués co doutras urbes. Polos oito días de Vigo, Ourense tarda 41 días, Santiago 36, Coruña 21 e Pontevedra 25 días. Fóra de Galicia, Madrid presenta un prazo medio de 31 días, polos 19 de Málaga, 23 de Valencia ou 46 de Sevilla. “Somos un goberno e unha administración preocupada polo tecido económico desta cidade”, valorou Aneiros: “Cun pronto pago se evitan tensións de tesourería e se favorece a actividade económica”.

Para concluír a súa presentación, Jaime Aneiros asegurou que “os datos reflicten dúas cousas moi claras: se executa o orzamento e se fai unha boa xestión dos fondos públicos, o que favorece directamente ao tecido produtivo”.

A oposición valorou o prazo medio de pago do Concello, mentres que censurou a “inexecución” do orzamento do 2021, con 145 millóns abonados en todo o ano. É “pouco máis da metade do orzamento”, en verbas do edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, quen tamén reclamou celeridade na transferencias das subvencións ás entidades sen ánimo de lucro, que chegan a demorarse ata tres meses. A mesma liña seguiu o voceiro de Marea. Rubén Pérez Correa augurou “unha execución moi deficitaria nun ano difícil”, o de 2021, e pediu “máis transparencia” e a posibilidade de ter un “seguimento dos pagos”, como no caso de Madrid ou Zaragoza. O Partido Popular, en boca de Alfonso Marnotes, insistiu na crítica e enunciou que “son moi rápidos en adaptar as ordenanzas para que se manteña o nivel de ingresos, pero moi lentos á hora de executar os gastos”, polo que defendeu “baixar impostos”.

Na réplica final, o concelleiro de Facenda aseverou que “Vigo ten a presión fiscal máis baixa das cidades de Galicia e con débeda cero”, polo que nada do recadado vai destinado ao pago de xuros, senón que todo revirte na cidade. Con respecto aos pagos ás asociacións, Aneiros aclarou que “o pago de subvencións se fai en tempo, legalmente hai que controlar que se fixo a actividade subvencionable e o procedemento vai por outro lado” distinto aos cobros dos provedores de bens e servizos ao Concello.

Descargar todas as imaxes