Caballero di que a Run Run Vigo volve con "récord histórico de probas"
Abel Caballero, alcalde de Vigo, presentou hoxe o Run Run Vigo 2022, o circuíto de carreiras populares da cidade, que comeza este domingo coa Subida ao Castro (10:00 horas) e rematará coa Érguete e Corre (11 de decembro). Entre elas, Calvario 5+5 (13 de febreiro), que xa ten aberto o prazo de inscrición, 10K de Teis (6 de marzo), Vig-Bay (10 de abril), Carreira da Cereixa (29 de maio), Correndo por Vigo (11 de xuño), Nocturna de San Xoán (23 de xuño), 10K do Berbés (11 de setembro), Vigo contra o Cancro (16 de outubro) e Vigo+11 (13 de novembro).
"Estou moi orgulloso de comunicar que regresa a Run Run", dixo o primeiro edil, que explicou que este ano o circuíto asinará un récord histórico con once carreiras. Xa estaba previsto en 2020 para doce probas, pero o coronavirus só permitiu as tres primeiras (Subida ao Castro, Calvario 5+5 e 10K de Teis). Agora, o campionato de Vigo de probas sobre asfalto pasa a once carreiras, ao caerse a Happy Go Running. A Uvigo non a organizará este ano.
"Iniciamos o circuíto cunha proba dura", explicou Caballero, que ademais definiu ao grupo de organizadores de carreiras como "equipo superlativo". Na rolda de prensa tamén acompañaban ao alcalde o concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e as atletas Karen Castro e Ana Alonso, gañadoras das dúas principais categorías femininas do Run Run en 2019.
O rexedor anunciou que para fomentar a participación e ofrecer o maior abanico de posibilidades aos "runners", nas probas que teñan dúas distancias de competición con chip (5K e 10K, 6,6K e 10K ou media maratón e maratón), ambas carreiras puntuarán para o circuíto, aínda que a puntuación da proba curta será inferior á de 10.000. Caballero sinalou que as probas seguirán "as medidas de control do Covid que se marquen en cada momento" e incidiu en que o circuíto ocupa "zonas de Vigo repartidas por toda a cidade".