Caballero: “O éxito do Nadal de Vigo é mérito de toda a cidade”
As Federacións de Hostalería de Pontevedra e Vigo e a Federación de Comercio da cidade homenaxean a Abel Caballero polo seu compromiso co sector
As Federacións de Hostalería de Pontevedra e Vigo, xunto á Federación de Comercio da cidade entregaron esta mañá a Abel Caballero un galardón como agradecemento pola súa implicación no Nadal de Vigo e a súa "contribución ao desenvolvemento económico e turístico" da cidade. O acto contou con numerosos representantes do comercio, a hostalería, actividades turísticas e de lecer, que agradeceron o éxito das luces “que benefician a tantas empresas e logran que a cidade estea na memoria colectiva de todos os españois”, afirmou César Ballesteros, presidente de Feprohos.
O alcalde confesou a súa emoción ao recibir o premio e asegurou que o éxito do Nadal “é mérito de todos vós”. Caballero destacou a importancia do sector porque “conformades unha forma de entender a cidade” e afirmou que a súa intención é seguir adiante con este proxecto de lanzar Vigo como unha gran potencia turística. “Para realizar este labor, vós sodes unha parte esencial xa que lograstes que a xente que vén a Vigo se atope coa vosa hospitalidade e proximidade e marche cun gran sabor de boca e decidida a volver pronto”.
O alcalde lembrou as extraordinarias cifras logradas este Nadal -5 millóns de visitantes, dos que máis de 2 millóns eran de fóra de Galicia- e asegurou que todo o seu equipo xa está a traballar no próximo Nadal, no que “bateremos todas as marcas”.
O apoio ao sector turístico, engadiu, non se centra só no Nadal. “Agora vén o Entroido, despois a Reconquista, no verán as Cíes e o Marisquiño… Todos unidos conseguiremos que Vigo sexa unha gran pontencia turística en todas as épocas do ano”, asegurou.
Pola súa banda, o presidente da Federación de Comercio, Roberto Giráldez, definiu ao alcalde como “o capitán do barco no que estamos todos nós” e agradeceulle, mesmo coas dificultades engadidas da pandemia, “a enorme promoción que realizou da cidade por todo o mundo “que xera emprego e economía circular”.