O Concello inspeccionará os autobuses escolares “para maior seguridade no transporte aos colexios”
Abel Caballero trasladou a decisión este venres, motivada pola detección en controis aleatorios dalgunhas infraccións, como non levar abrochado o cinto. Patrullas da Policía Local iniciarán a campaña con dúas semanas de información a centros de Secundaria e Bacharelato e pais e nais do alumnado, e concluirá con outros quince días de revisións nos vehículos e eventuais sancións.
Vigo mobilizará próximamente á Policía Local “para maior seguridade no transporte aos colexios”. Anunciouno o alcalde este venres en rolda de prensa, unha “campaña de seguridade viaria en todos os colexios de Secundaria e Bacharelato da cidade” que terá dúas fases: unha só informativa e outra tamén sancionadora.
Caballero argumentou que, en inspeccións aleatorias realizadas en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico, os axentes detectaran que algúns mozos e mozas non viaxaban cumprindo a normativa de seguridade. Ante esta situación, o Concello de Vigo lanza esta nova campaña.
As dúas primeiras semanas, a acción terá carácter informativo, trasladando ao alumnado a obrigatoriedade de empregar o cinto e motivándoos para o seu uso, ademais de remitindo información aos centros educativos e ás propias familias. Durante outra semana se divulgará os resultados da fase anterior e se insistirá na necesidade de reforzar a seguridade no transporte escolar.
Por último, a iniciativa municipal finalizará con outros quince días de inspeccións nos vehículos e eventuais sancións, de proseguir os incumprimentos. “A seguridade xustifícao, é o máis importante que pode haber e a do transporte escolar, a que máis”, manifestou Abel Caballero, que agarda que non sexa preciso impoñer denuncias: “Oxalá todo o mundo cumpra”.
Unha vez completadas todas as fases, o Concello avaliará a eficacia da campaña, que será levada adiante por entre catro e seis patrullas da sección de Educación Viaria da Policía Local de Vigo.