Vigo loce en FITUR "O mundo na cidade"
Abel Caballero pechou este xoves a proposta viguesa na Feria Internacional de Turismo, aberta pola ministra de Turismo, Reyes Maroto, e coa presentación das xornalistas Paula Montes e Alba Lago. Cíes e as luces de Nadal encheron a sede de TurEspaña.

O destino turístico Vigo lanzouse este xoves en FITUR, no recinto feiral de Madrid, da man dunha delegación encabezada polo alcalde da cidade, Abel Caballero, e co gancho dun vídeo que mostra "O mundo na cidade", unha urbe medioambiental, cultural e accesible que dispón de todo o que precisa o viaxeiro para as súas vacacións. E con dous protagonistas principais: as luces de Nadal e as illas Cíes.
"Vigo é un mundo na cidade", valorou o alcalde: "Calquera cousa que calquera persoa queira atopar en calquera lugar do mundo, atópao en Vigo". A presentación viguesa incluíu a gastronomía, a natureza, a arte urbana e o patrimonio histórico que aglutina a urbe, máis destacou sobre todo a campaña do Nadal vigués -que contabilizou máis de cinco millóns de visitas pola "zona cero"- e a candidatura á Patrimonio da Humanidade das illas Cíes, recentemente seleccionadas polo rotativo The New York Times entre os principais destinos a visitar este ano.
A ministra de Turismo, Reyes Maroto, foi a primeira en intervir e subliñou os factores diferenciais da cidade olívica, como a gastronomía, a natureza e as praias, poñendo énfase nas luces de Nadal, que converteron a Vigo nun "gran destino" e "imprescindible" para os turistas.




