Vigo avanza na ordenanza de patinetes coa premisa da “máxima seguridade”
A aprobación inicial este mércores pola práctica unanimidade do Pleno (salvo pola abstención do edil Xabier Pérez Igrexas) abre o prazo de exposición pública da normativa. A tenente de alcalde e responsable de Mobilidade, Elena Espinosa, puxo o énfase nas medidas recollidas para tratar de conseguir “cero accidentes” e garantir a “convivencia” de coches, bicis, patinetes e peóns na vía pública.
Na súa intervención, Espinosa explicou que “trátase de ordenar a circulación dos vehículos de mobilidade persoal e establecer as condicións para garantir a seguridade e facer compatible o seu uso co resto de vehículos e peóns”. A concelleira citou como exemplos a obriga de levar casco e unha peza de roupa reflectora, medidas que inclúe unha ordenanza que “reforzará a mellora do espazo público, da seguridade viaria e dos novos modelos de mobilidade”.
Logo de rexeitarse un voto particular coa negativa dos grupos socialista e popular, o texto foi aprobado inicialmente por todos os concelleiros e concelleiras do Pleno, salvo polo edil nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, que se abstivo. A votación dá paso á apertura da exposición pública para a presentación de alegacións e posterior resolución destas, para logo retornar ao Pleno da Corporación e ser eventualmente aprobada definitivamente e entrar en vigor.
O contido da normativa validada este mércores fóra detallado unha semanas atrás polo alcalde, Abel Caballero, e contempla a prohibición do uso dos patinetes eléctricos en cinco arterias de elevada intensidade de tráfico, nas travesías, vías interurbanas, autoestradas e autovías que entren na cidade, e nos túneles e pasos inferiores.
O debate plenario constatou o respaldo dos corporativos de todos os grupos municipais á proposta normativa elevada polo goberno de Vigo. Polo Partido Popular, Jesús Marco cualificouna de “boa ordenanza” e pediu adiantar dos quince aos catorce anos a idade mínima para empregalo, a mesma de expedición do DNI. Pola súa banda, Xabier Pérez Igrexas asegurou que propuxo emendas “en positivo que aspiran a mellorar a ordenanza”, para regular a “utilización segura” dos VMP, non para “dificultala ou desalentar” do seu uso, como no caso das rúas excluídas. O edil de Marea, Rubén Pérez Correa, insistiu na revisión das vías nas que se prohibe circular con patinete, xa que se prima ao vehículo a motor, na súa opinión, cuxo uso “debería reducirse nas cidades”.
A este respecto, Elena Espinosa incidiu na premisa de “máxima seguridade e cero accidentes” e asegurou estas afectan a “cinco vías e dúas parcialmente” dun total de máis de 1.700 rúas que ten Vigo. En todo caso, as “pequenas restricións” incluídas na norma municipal “van única e exclusivamente en defensa da seguridade de todos os usuarios da vía”. A tenente de alcalde engadiu: “O vehículo de motor no ámbito urbano xa non é o protagonista, hoxe comparte a vía con bicicletas, peóns e VMPs e estes modos están a ter máis importancia. A ordenanza quere apostar pola mobilidade de futuro”.