Escoitar

O Concello prohibirá o patinete en grandes vías e rebaixará a súa velocidade en rúas de prioridade peonil

O goberno de Vigo aprobou o pasado xoves o proxecto de ordenanza do uso dos vehículos de mobilidade persoal na cidade, que terá que pasar polo Pleno antes da súa entrada en vigor. Polo volume de tráfico, o Concello propón que non se use nos carrís centrais da Avenida de Madrid e nas avenidas de Castelao, Europa, Beiramar, Clara Campoamor, Citroën e Arquitecto Palacios. En zonas como o Casco Vello ou Bouzas, non poderán superar os 10 quilómetros por hora.

luns, 3 xan 2022
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.

Abel Caballero detallou este luns algunhas claves do texto que o seu goberno elevará ao Pleno da Corporación para a súa aprobación inicial e posterior exposición pública.

Vigo quere ampliar a normativa estatal ao efecto e garantir a convivencia no uso dos espazos públicos, primando a seguridade viaria. Baixo esta filosofía, o goberno local propón prohibir o uso dos patinetes eléctricos en arterias de elevada intensidade de tráfico, como na Gran Vía (desde Praza de América ata a rúa Venezuela), nos carrís centrais da Avenida de Madrid e nas avenidas de Castelao, Europa, Beiramar, Clara Campoamor, Citroën e Arquitecto Palacios. Tampouco se poderá empregalos nas travesías, vías interurbanas, autoestradas e autovías que entren na cidade, nin nos túneles e pasos inferiores.

Por outra banda, a cidade prevé limitar a dez quilómetros por hora como máximo a velocidade de circulación no Casco Vello, en Bouzas e en rúas de prioridade peonil, e reducila ata cinco ao achegarse á xente. En todo caso, se esixirá unha distancia mínima de metro e medio con respecto aos peóns e non se poderá utilizar patinete eléctrico en beirarrúas ou zonas peonís.

O alcalde engadiu que a circulación pola calzada deberá ser polo centro do carril dereito e tamén poderán transitar por carrís bici, pistas bici, sendas ciclables ou similares sen superar os vinte quilómetros por hora. Por calzada e ciclo-carril, se permitirá ata os 25 quilómetros por hora. A idade mínima para conducir un VMP quedará fixada nos quince anos, só pode empregalo unha única persoa por vehículo e sempre sen auriculares, móbiles ou calquera sistema de comunicación e reprodución de son.

As normativas vixentes de tráfico en canto a taxas de alcol e drogas aplicarán tamén aos condutores de VMPs, que deberán contar cun seguro de responsabilidade civil. A responsabilidade por infraccións recaería no autor ou nos seus proxenitores ou titores legais. Non se permite o transporte de animais ou obxectos que sobresaian do vehículo, non se pode circular en paralelo nin atalos a farois, sinais ou árbores. Se posibilita estacionar nos lugares habilitados para bicicletas.

O proxecto de ordenanza establece que os patinetes eléctricos deben reducir a velocidade nos pasos para ciclistas e se prohibe que sexan arrastrados por outros vehículos. De ter luces, deben circular con elas acendidas, pero se carecen destas, non se poderán empregar entre a posta e a saída do sol ou en condicións meteorolóxicas desfavorables.

No caso de que os VMPs se destinen a actividades económicas, estes estacionarán nos lugares que se lles autorice pola súa actividade ou concesión. Calquera, incluíndo o alugueiro, itinerarios turísticos ou reparto, deberá contar co permiso administrativo do Concello para realizar a actividade.

Descargar todas as imaxes