Escoitar

Vigo recibirá máis dun millón de euros dos Fondos Europeos polos seus proxectos de Comercio

O Goberno de España vén de aprobar os proxectos beneficiarios das axudas do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia nos que inclúe os presentados polo Concello: a modernización do mercado de Teis e dixitalización do comercio na cidade. O alcalde avanzou en rolda de prensa que presentaron o proxecto da naturalización da Praia de Samil á convocatoria da Fundación Biodiversidad.

luns, 3 xan 2022

Abel Caballero anunciou en rolda de prensa que o Concello percibirá 1.042.000 euros do ministerio de Industria, Comercio e Turismo polos seus proxectos presentados á convocatoria neste ámbito. Deste xeito, os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia adicaranse á remodelación e modernización do mercado de Teis e a mellora do comercio electrónico na cidade.

No mercado de Teis haberá unha remodelación física e modernización desta praza de abastos. Tamén apostarase pola dixitalización a través de información, a mellora dos procedementos e a experiencia de compra. Ademais, tamén traballarase na sostibilidade cun consumo enerxético máis baixo e favorecer a economía circular. O importe concedido para esta acción polo Goberno de España é de 671.728 euros.

Por outra banda, outro dos proxectos aprobados polo mesmo Ministerio é a dinamización do comercio no eixo Bouzas-Teis que conta cun orzamento de 369.960 euros. Con isto, haberá nova sinalización no itinerario, rede de mupis dixitais interactivos e accesibles, unha plataforma para comercio electrónico no comercio local e servizos de asesoramento para a creación de tendas virtuais.

Fondos para a naturalización da Praia de Samil

O alcalde avanzou en rolda de prensa que o Concello solicitou Fondos Europeos na convocatoria do ministerio para la Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a través da Fundación Biodiversidade. En total son 4 millóns de euros para a naturalización da Praia de Samil. Segundo avanzou Caballero en rolda de prensa, quérese liberar o espazo dunar e deseñar e construír de xeito sostible o novo paseo de Samil. Tamén no proxecto está a restauración ecolóxica para contribuír ao aumento da biodiversidade, a súa conservación e implantar especies autóctonas.

Outros fondos

Caballero lembrou que xa solicitaran 22.440.000 euros ao ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Nun primeiro bloque para financiar as ramplas de Gran Vía, o ascensor HALO, a rexeneración do Paseo de Bouzas e a Vía Verde Fase II. Ademais, no caso de que algúns concellos non presentaran proxectos, o alcalde puxo de manifesto que o goberno local presentou 10 actuacións máis. Tamén explicou que o Concello ten concedido deste área 250.000 euros para a elaboración dos proxectos piloto da Axenda Urbana Española. “Cerca de 30 millóns de euros. Estamos á cabeza das demandas”, sentenciou o rexedor.

Descargar todas as imaxes