Escoitar

O alcalde pon en valor a “cooperación” da Deputación na humanización de Taboada Leal

Abel Caballero e Carmela Silva inauguraron este xoves a humanización da primeira fase da rúa Taboada Leal, entre Ronda de Don Bosco e Venezuela, na que Concello e Deputación de Pontevedra investiron 550.000 euros.

xoves, 30 dec 2021

O rexedor eloxiou o resultado da humanización “cun nivel altísimo” nunha zona da cidade que “era catastrófica” malia “ter un valor especial dada a súa localización”, ao ser moi transitada pola presenza de centros educativos na rúa e na contorna.

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, avanzou que “seguiremos facendo moitas inauguracións porque a cidadanía de Vigo ten á Deputación ao seu carón” e referiuse á transformación que supoñen estas obras na vida da xente con “espazos públicos desta calidade”.

A humanización de Taboada Leal supuxo a instalación de novas redes de pluviais, saneamento e de abastecemento de auga, beirarrúas máis anchas e sen barreiras arquitectónicas, pasos de peóns adaptados e nova sinalización horizontal e vertical.

No tocante ao tráfico, mantense en sentido ascendente a circulación desde a rúa Ecuador a Venezuela e dobre sentido entre Ecuador e Ronda de don Bosco. Amais renováronse os alcorques, plantáronse novos exemplares de arborado e instalouse nova iluminación con criterios de eficiencia enerxética, bancos e papeleiras.

Descargar todas as imaxes