Abel Caballero fai balance do 2021: “Temos agora mesmo 353 millóns en execución”
O alcalde louvou a transformación da cidade con máis de 100 humanizacións nun ano e reivindicou a Vigo como modelo de xestión. Tamén quixo recordar na rolda de prensa ás persoas falecidas por mor da pandemia.
Abel Caballero fixo balance do ano 2021 e puxo de manifesto “a xestión económica exemplar e a estabilidade política da cidade”, pola que cualificou a Vigo como cidade modelo. O rexedor enumerou decenas de rúas humanizadas, tanto no centro como no rural, e afirmou que “non hai nada igual en ningunha outra cidade”. Caballero louvou a capacidade de transformación da cidade coas obras en rúa dos Foxos, Rosal Florido (Lavadores), Estrada da Venda (Beade), Camiño da Pomba e Estrada do Freixo (Valadares), Subida a Relfas (Sárdoma), Rúa Subride (Lavadores, Penís de Abaixo (Cabral), Gran Vía, Hispanidade, Ronda de Don Bosco, Taboada Leal, rúa Marín, rúa José Rivas (Coruxo), Estrada da Balsa (Matamá), humanizacións en 43 rúas do rural por 2.300.000 euros, mellora da seguridade vial no Camiño Arrouba (Zamáns), Primeira Travesía Guixar, Porta do Sol, Estrada Beade – Valladares, Túnel de Lepanto, as intersticiais de Vialia, Praza da Estación e Baixada da Estación, o ascensor Urzáiz con Vía Norte, Grada de Marcador, humanización de García Barbón entre Rosalía de Castro e Isaac Peral, Vía Verde, Julia Minguillón e Vista Alegre, Troncoso, Areeiro (Lavadores), Rosal, Praza da Miñoca, Rúa dos Curros, Camiño da Breda (Beade), Paseo Marítimo de Bouzas, Colombia Fase II, Praza da Feira (Cabral), Purificación Saavedra Fase II, Camiño do Laranxo (Valadares), Gregorio Espino Fase IV, Fontáns (Lavadores), Severino Cobas (Lavadores), Serafín Avendaño entre Areal e Rosalía, rúa Valladolid e a escaleira mecánica da rúa Talude, entre outras.
Dentro de a transformación da cidade tamén enumerou accións como a ordenación provisional que está a permitir recuperar 20 millóns de metros cadrados, a aprobación definitiva da modificación puntual do ámbito da Panificadora, tramitacións do proxecto de Vialia, o Barrio do Cura, eliminación do viaduto sobre Alfonso XIII, o túnel de acceso desde Lepanto, a reconstrución da fachada na antiga estación de tren de Vigo cun novo miradoiro en Urzáiz, a aprobación inicial do PXOM e o convenio con Ceetrus para o mantemento da praza sobre Vialia de máis de 20.000 metros cadrados.
No ámbito deportivo o alcalde cifrou en máis dun millón de euros as subvencións ao deporte base e 308.000 euros para o programa das Escolas Deportivas Infantís. Tamén dixo rematar o pavillón de Quirós, pendente de inauguración, e que tivo unha inversión de 3.200.000 euros. Este súmase aos de Romil e a renovación de dous pavillóns dos Baixos de Balaídos. Tamén este ano remodeláronse os campos de fútbol de A Guía, Fragoselo e O Vao.
Caballero tamén falou do medio ambiente, coa limpeza do Lagares e o desbroce das fincas, ademais das inversións para a mellora da zona dunar e servizos dotacionais nas praias. Tamén referiuse a VigoZoo: "É unha gran transformación. Zona de parque natural sen animais en catividade. Non queremos animais presos, querémolos libres".
“Na política social temos a política social máis importante en España”, afirmou o alcalde, que destacou as prazas de envellecemento activo, o mapa da soidade que está a elaborar o Concello e dixo “non ter límites nas Axudas de Emerxencia, compatibles con todas as outras axudas sociais”.
No turismo, Caballero louvou o Nadal e dixo “ser o fenómeno turístico máis importante de Europa. Gústanos á xente de Vigo. Miles e miles de persoas ocupando hoteis, enchendo restaurantes, mercando no comercio e paseando polas rúas”, e sumou a este fito as Illas Cíes Patrimonio da Humanidade. Un ano tamén no que o Aeroporto de Vigo suma rutas a Valencia, Sevilla, Málaga, Mallorca, Bilbao, Gran Canaria, Ibiza, Menorca, Alicante e Lanzarote. O alcalde quixo lembrar que o turismo “é tan potente que os Goberno de España deunos 2 millóns de euros”.
En canto as festas cualificounas de “éxito” e enumerou festivais como o Interfolk, Vente con Nós, Vikul, Vigo Bailando e Underfest, ademais de recuperar O Marisquiño e os concertos de Amaral e os Secretos.
En materia educativa destacou as 3.000 prazas do programa Vigo en Inglés, 7 millóns para conservación e mantemento dos centros públicos de infantil e primaria, 80 obras en colexios, moitas delas competencia da Xunta, dixo o rexedor. Tamén cubríronse os patios dos colexios Pintor Laxeiro e Balaídos, comezou a actividade na nova Escola Infantil de Bembrive e aprobouse o proxecto construtivo da nova Escola Infantil da Praza da Industria. Caballero sinalou as becas comedor – 2 millóns de euros – e deu importancia á UNED, pagada polo Concello e que conta con 1.400 alumnos.
En canto as ordenanzas, manifestou o seu apoio á hostalería coa nova regulación das terrazas. “Todo o apoio do Concello de Vigo”, afirmou.
Caballero dixo estar a facer “un avance moi importante” en patrimonio histórico coa musealización da Fortaleza de O Castro. Tamén puxo de manifesto o apoio aos grupos locais en música ou o propio programa VigoCultura, cada vez con máis actuacións, apuntou.
O primeiro edil quixo poñer tamén de manifesto o traballo da administración electrónica cos novos usos da PassVigo, que lembrou servirá para manter o prezo do Vitrasa no ano 2022.
Abel Caballero reivindicou ter o 15º orzamento consecutivo en tempo e forma, débeda cero, a presión fiscal máis baixa de España, as inversións, pagar aos proveedores en 8 días e ter 353 millóns en execución: “Temos unha xestión económica que é exemplar en España” e augurou máis inversións cara a 2022 e desexou que “sexa o ano do fin da pandemia”.
“Estamos no mundo para ser felices e facer felices aos demais. É o obxectivo da vida. Ese é o meu obxectivo. Conseguir o máximo nivel de felicidade nesta cidade para os homes e mulleres de Vigo”, sentenciou