Escoitar

Vigo recibe aos Reis Magos cunha cabalgata estática o 5 de xaneiro

O Concello tomou a decisión de organizar o recibimento ás Súas Maxestades de Oriente con esta fórmula “por razóns de prudencia”. Será en dúas sesións de mañá e tarde na Avenida de Castelao, en Coia, a “grande avenida da cidade”. Amais, os Reis realizarán videochamada ás nenas e nenos confinados ou enfermos por Covid.

xoves, 30 dec 2021
O alcalde na Cabalgata de Reis Magos estática celebrada no 2021
O alcalde na Cabalgata de Reis Magos estática celebrada no 2021

“Será a mellor cabalgata do planeta e marabillosa”, avanzou o rexedor en rolda de prensa, explicando que o desenvolvemento será como o do ano pasado, con distancias entre as persoas asistentes e garantindo a seguridade das familias.

A previsión é que as carrozas dos Reis Magos estean recibindo ás nenas e nenos de Vigo desde as 11 da mañá ata as 14 horas e desde as 4 ata as 8 horas do serán. Nos próximos días, o goberno municipal habilitará un sistema de cita previa para reservar a hora da visita.

Tal e como lembrou o alcalde, o ano pasado circularon “arredor de 30.000 familias; entre 75 e 100.000 persoas” pola cabalgata estática.

Para obter os tickets este ano haberá un enlace na web do Concello. Haberá dúas quendas para a súa adquisición, unha o luns 3 de xaneiro ás 17 horas e outra o martes 4 ás 10 da mañá. Unha vez elixida a hora, recibirase un código QR que haberá que presentar nos carrís habilitados (2) para as persoas con cita previa, polo que o tempo de espera será menor que na terceira vía, que é exterior, e serve para as persoas que non teñan o código QR da cita previa. Haberá 20.000 entradas e con cada código QR poderán achegarse ata un máximo de 5 persoas.

Amais, o Concello organizou un sistema de felicitación dos Reis Magos ás nenas e nenos da cidade que se atopen confinados ou enfermos na casa por razóns Covid. “Falei con Melchor, Gaspar e Baltasar explicándolle que quería que os felicitasen e non pode ser de forma persoal así que será a través de videochamada de Whatsapp”, anunciou Caballero.

Para poder participar, as familias deben escribir un correo electrónico explicando a situación do nen@ á seguinte dirección: nadalvigo.festas@vigo.org. Poden escribilo desde este xoves e recibirán o código o luns día 3 de xaneiro. Os 120 primeiros correos recibirán un código de activación co que serán redirixidos a unha páxina web na que terán que rexistrar os datos do nen@, escollerán un Rei Meigo, a hora e o día – que pode ser o 4 ou o 5 de xaneiro- para recibir a videochamada

Descargar todas as imaxes