Escoitar

O Concello abre este luns a reserva para a Cabalgata estática

O alcalde achegouse ata o IFEVI para pasar revisión á montaxe das carrozas, “preciosas” e que “teñen que ver con viaxes, con Verne, con literatura e coa fantasía”. A Cabalgata replicará o modelo estático do ano pasado, con dous carrís para acceso con reserva e un terceiro de entrada libre.

luns, 3 xan 2022
O alcalde, este luns no IFEVI sobre unha das carrozas.
O alcalde, este luns no IFEVI sobre unha das carrozas.

“Está todo preparado, as carrozas están cheas de luz, de contido e imaxe”, manifestou este luns Caballero no recinto feiral, onde se dan os últimos retoques de cara ao mércores. A Cabalgata estática “ten unha pinta magnífica” e, só pendente da meteoroloxía, o alcalde animou á cidadanía a reservar a súa franxa horaria para a visita.

As súas maxestades os Reis Magos de Oriente estarán na Avenida de Castelao este mércores, en horario de mañá e tarde, de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas. Desde as 17 horas deste luns se activa na web do Concello a opción de reservar horario para visitala no carril un, en intervalos de quince minutos. Cada pase permite a entrada de ata seis persoas. Este martes, desde as 10h, se abre o prazo para o carril dous. O Concello habilitará un terceiro carril para aquelas persoas que se acheguen ata Coia e queiran ver a Cabalgata sen cita previa.

Caballero explicou que haberá reparto de caramelos, que non se lanzarán desde as carrozas, senón que serán entregados ao público, seguindo o modelo da última edición. O alcalde recordou que na Cabalgata do ano pasado se rexistraron unhas 40.000 reservas.

Descargar todas as imaxes