Escoitar

Vigo abonou as súas facturas en 8,8 días no último trimestre de 2021

O alcalde ofreceu este luns un dato que sitúa ao consistorio vigués á cabeza das urbes españolas, segundo afirmou. Caballero puxo en valor a importancia do pronto pago para as empresas e afirmou que, entre outubro e decembro do pasado ano, o Concello tramitou operacións por valor de case 52 millóns de euros.

luns, 10 xan 2022
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.

En declaracións en rolda de prensa, o alcalde manifestou que “pagar pronto significa evitar a centos de empresas pedir pólizas de préstamos aos bancos, que custan diñeiro”, polo que un prazo medio de 8,8 días é “un resultado excepcional” que Caballero comparou cos “concellos e administracións públicas que tardan en pagar corenta, cincuenta e oitenta días”.

“Somos xente da economía, eu son o alcalde da economía, Vigo é a cidade da economía. Para nós a economía é o centro da cidade”, enxalzou Caballero, quen asegurou que “pagamos máis rápido que calquera empresa privada de toda Europa e somos os máis rápidos pagadores de toda España”.

O alcalde lanzou outra cifra para explicar a magnitude das transferencias ordenadas polo Concello de Vigo polos servizos e obras que contrata: máis de 9,7 millóns de euros abonados en 757 operacións de pago só nestes primeiros días do mes de xaneiro. “Estamos orgullosísimos de atender á economía de Vigo con esta prontitude e a esta velocidade”, concluíu Caballero.

Descargar todas as imaxes