O Concello sinala as dependencias municipais con 231 pictogramas
Trátase dun proxecto piloto para a promoción e accesibilidade cognitiva e humanización nos espazos e servizos públicos do Concello para as persoas con Trastorno do Espectro Autista e outras discapacidades.

O consistorio ten instalado nas súas dependencias municipais e nos centros deportivos de As Travesas, O Berbés e Bouzas 231 pictogramas para facilitar a relación das persoas con Trastorno do Espectro Autista e outras discapacidades coa administración. Trátase dun proxecto piloto posto en marcha polo Concello, tras a suxestión da Fundación Menela, que aportou os modelos das imaxes que poden atoparse en distintas áreas: rexistro, información, Policía Local, aseos e accesos, Salón de Plenos, Auditorio Municipal, concellerías...