Escoitar

O goberno de Vigo licita por 3 millóns a construción dun novo parque de Bombeiros

A Xunta de Goberno Local validou os pregos e abre o concurso público para optar a executar a obra, un novo parque para Bombeiros que se erixirá nunha parcela municipal da rúa Esturáns, próximo a Tomás Alonso e a Avenida de Beiramar. O alcalde recordou este martes que o seu goberno tamén remodelara por completo o de Teis, adicando ao efecto 1,36 millóns.

martes, 4 xan 2022

O orzamento da nova actuación ascende a 2.994.000 euros para unha obra “moi importante”, que presenta un prazo de execución estimado en doce meses, a iniciar no presente ano para concluíla no 2023, segundo explicou Caballero.

O Concello erguerá o novo parque no número 2 da rúa Esturáns. “É unha situación moi estudada”, valorou o alcalde este martes: “está próximo a unha parte importantísima do centro da cidade e está ao lado do Porto, zona especialmente sensible a efectos de incendios”. Trátase dunha nova edificación con soto, baixo e dúas alturas, dotada de sistemas de climatización, renovación de aire e ventilación, e recollida de augas pluviais e fecais. Terá redes de megafonía, voz e datos, sistemas de seguridade, de protección contra incendios e elevador para uso do inmoble.

“É o segundo parque de Bombeiros novo que facemos nesta cidade desde que eu son alcalde”, incidiu Caballero, quen recordou o investimento de 1.364.000 euros na actuación integral no parque de Teis. O alcalde concluíu que, baixo o seu mandato, “adicamos case 4,5 millóns a construír parques de bombeiros en Vigo”, por “operatividade” e “dignidade” dos efectivos de extinción de incendios da cidade.

Por outra banda, o goberno de aprobou o programa de axudas económicas directas de apoio a mulleres vítimas de violencia de xénero. Para o presente ano, o Concello reserva 20.000 cos que afrontar gastos urxentes e básicos das vítimas e eventuais dependentes.

Descargar todas as imaxes